O Supremo venezuelano asume as competencias da Asemblea Nacional perante as manobras obstruccionistas da oposición

Sala Constitucional do TSX de Venezuela

O miolo do conflito institucional, o desafío da Asemblea Nacional ao poder xudicial do país ao dar condición de deputados a tres parlamentares incursos nunha investigación por fraude eleitoral. O pano de fondo, a reforma da Lei de Hidrocarburos, clave para o goberno de Maduro.

A oposición ten folgadamente maioría absoluta na Asemblea Nacional, mais non ultrapasaba os 2/3 dos votos precisos para derrogar leis orgánicas como a Lei do Traballo ou a Lei da Educación, no albo da direita venezuelana desde que foron promulgadas. Esa foi a razón que levou ao bloco conservador a facer caso omiso das autoridades eleitorais e a outorgar plena condición de deputados a tres parlamentares da autodenominada Mesa pola Unidade que obtiveron as súas actas no Estado de Amazonas de forma presuntamente irregular (hai gravacións que indican que podería ter habido compra de votos). Con eses tres parlamentares, a oposición xa dispón de maioría cualificada para sabotar a acción lexislativa do Goberno Maduro e para reverter todas as conquistas da revolución bolivariana.

Ao tomar posesión destes tres parlamentares -cuxa escolla foi impugnada polas autoridades eleitorais por pretensa fraude á altura do 6 de decembro de 2015-, o Tribunal Supremo de Xustiza declarou en desacato a AN o pasado 5 de xaneiro.

Dito doutro xeito, a esta altura o poder xudicial venezuelano declaraba nulos a todos os efeitos xurídicos calquer acordo adoptado pola Asemblea Nacional. O conflito institucional chegaba a un ponto de non retorno e espellaba a dureza do confronto entre chavistas e contra-revolucionarios.

Ese ponto de non retorno foi definitivamente ultrapasado esta cuarta feira cando a Sala Constitucional do Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) decidía asumir as competencias da Asemblea Nacional, que fica suspendida en tanto en canto non retire a condición de parlamentar aos tres deputados investigados por fraude eleitoral.

Por que toma agora esta decisión o TSX? 

Basicamente porque o grao de obstruccionismo parlamentar por parte da direita estaba a pór en risco leis que o goberno Maduro considera básicas para o país saír da situación de estancamento económico en que se acha. A espoleta da resolución xudicial remite, como case todo en Venezuela, para o petróleo. Maduro precisa modificar a Lei de Hidrocarburos para dar luz verde á constitución de empresas de capital mixto con compañías multinacionais. O problema é que esa mudanza ten de ser aprobada por unha Asemblea Nacional que o poder xudicial considera neste momento fóra da lei. A saída á crise foi a asunción por parte do Supremo das atribucións lexislativas a partir dunha interpretación da Constitución que lle outorga faculdades na eventualidade de o poder lexislativo "afectar o funcionamento" dos outros poderes públicos do Estado.

A reacción da oposición venezuelana foi polo rego previsíbel. Julio Borges, presidente da Asemblea Nacional, fala abertamente de "golpe de Estado", expresión que foi ecoada polos distintos voceiros da direita latinoamericana, a comezar polo secretario xeral da Organización de Estados Americanos (OEA) Luis Almagro. Perú foi máis lonxe ao retirar o seu embaixador de Caracas. 

Por súa parte, o goberno chavista, a meio dun comunicado da chancelaría, contra-ataca e cualifica de golpistas os parlamentares "declarados abertamente en desacato ás decisións" do TSX.

O goberno ve detrás do obstruccionismo da direita venezuela o "accionar" de "gobernos de direita na rexión" que procuran, coordenados por Washington, e mediante "falsidades e ignonimias" atentar contra o estado de direito e "a orde constitucional".