Tsipras acepta negociar coa Troika

Serán, segundo o acordado entre o primeiro ministro grego e o presidente do Eurogrupo, “contactos técnicos” na procura dun “terreo común” entre o ‘rescate’ actual e o plan alternativo que quer Atenas.

 

O novo goberno grego, liderado por Tsipras, dera a finais de xaneiro un sorprendente e afouto golpe de efecto ao anunciar que non recoñecía a Troika como interlocutora. Mais esta quinta feira, e após unha xuntanza de Tsipras co presidente do Eurogrupo, Jeroen Dijsselbloem, Grecia retomará os contactos coa Troika, se ben Atenas non a denomina así senón cun máis difuso “as institucións”.

Serán “contactos técnicos” e coa finalidade de procurar un “terreo común” sobre o que se poida a principios da vindeira semana retomar a negociación para poder chegar a algún tipo de acordo sobre o rescate de Grecia. Fontes europeas consultadas por axencias inciden en que o contacto de Atenas coas ‘Institucións’ versarán sobre o procedemento e non sobre o contido, aspecto este fulcral e que será o que se debata nas negociacións que se retoman a segunda-feira (día 16). O 28 deste mes vence o rescate actual.

“Nin chantaxeamos nin admitimos chantaxes”

O Cumio de Bruxelas amosa que Grecia non o está a ter doado para lograr apoios entre os socios europeos. Até o de agora só Chipre e Francia se sitúan nunha liña máis partidaria das propostas de Atenas. O resto avogan máis pola liña ‘orodoxa’ de Berlín dun terceiro rescate e prórroga do actual. E que Grecia “cumpra” as normas. Entre os máis duros con Grecia, o Estado español e Portugal. E Finlandia, cuxo primeiro ministro recoñeceu que “Grecia está a esgotar a nosa paciencia”. O presidente español afirmou que “España prestou cartos a Grecia e non nos sobran os cartos”.

Tsipras manifestou que “é posíbel” atopar unha “solución técnica” á situación, mais que o interesante é chegar “a unha solución política”. E sinalou que Grecia non chantaxea a ninguén mais tampouco admite chantaxes. E a Rajoy pediulle que “non externalizase” preocupacións domésticas españolas, en referencia a Grecia.