Ucraína disponse a prohibir a Igrexa ortodoxa vinculada con Rusia para fomentar a súa propia

Posto de control fronteirizo ruso, nos lindes con Ucraína, atacado na rexión de Kursk. (Foto: Kirill Chubotin / Europa Press / Contacto)
Aberta unha segunda fronte na incursión ucraína en Kursk.

O Parlamento ucraíno aprobou a terza feira unha norma que abre a porta á prohibición da Igrexa ortodoxa ucraína dependente do Patriarcado de Moscova da Igrexa ortodoxa rusa, no marco da política do Goberno ucraíno que preside Volodimir Zelenski de fomentar a súa propia Igrexa ortodoxa.

O conflito ten a súa orixe en 2019, cando o patriarca Bartolomeu de Constantinopla decretou como autocéfala a Igrexa impulsada por Kíiv, é dicir, a súa independencia da Igrexa rusa, unha decisión que derivou nun cisma nesta póla do cristianismo.

Despois da invasión rusa, Kíiv acelerou o proceso, perseguindo xudicialmente clérigos da Igrexa ortodoxa dependente de Moscova e tratando de facerse coas súas propiedades.

Ilze Brands Kehris, subsecretaria xeral de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas (ONU), reportou que a “liberdade de culto no territorio controlado polo Goberno de Ucraína” viuse "afectada", reportando violencia física e ameazas por este motivo.

O lexislador ucraíno Yaroslav Zhelezniak sinalou que a Igrexa ortodoxa vinculada con Rusia terá un prazo de nove meses para rachar as relacións con Moscova. Pola súa parte, a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores de Rusia, Maria Zakharova, acusou Kíiv de buscar “destruír de raíz a ortodoxia canónica” e substituíla por unha “Igrexa falsa”.

Incursión en Kursk

No tocante á incursión ucraína na rexión rusa de Kursk, o Exército ucraíno abriu unha segunda fronte a 40 km da área na que se produciu o primeiro ataque. En paralelo, no contexto dos avances rusos no Donbás, as tropas de Moscova estanse a achegar a Pokrovsk, en Donetsk, un dos bastións defensivos ucraínos.