Ucraína: a UE baralla sancións mentres Moscova denuncia o intento de golpe de estado

O presidente da Comisión europea Durao Barroso antecipou castigos de Bruxelas ''polo uso excesivo da forza''. Rusia exixe á oposición que ''pare o derrame de sangue''.

O novo episodio de violencia que golpea Ucraína, con perto dunha trintena de mortos, leva a UE a entender que é hora de adoptar medidas e sancións contra este país, unha medida á que até o de agora Bruxelas era refractaria para non perder influencia. Mais aberta a billa, nestas horas non poucas voces saíron en tromba a pedir sancións, castigos e medidas contra Ucraína. Desde Durão Barroso, presidente da Comisión europea, a Merkel ou Hollande. Alemaña e Francia xa amosaran desde un principio o seu apoio (por activa e pasiva) á oposición 'pro-europea'.

Desde as chancelarías europeas e Bruxelas responsabilízase de toda a violencia ao goberno, malia que os propios correspondentes de medios occidentais na cobertura do conflito sinalan que esa afirmación non é só que sexa simplista, senón non veraz.

Sen financiamento

O primeiro paso nesta liña dos mandatarios europeos é ordenar ao Banco Europeo de Investimentos paralizar os proxectos para Ucraína.

Por outra banda, desde Rusia estase a alertar dos intentos de golpe de estado que se están a dar na Ucraína. Moscova lanza unha mensaxe á oposición para que “deteñan o derrramamento de sangue e reanuden canto antes o diálogo coas autoridades lexítimas, sen ameazas nin ultimatos”. “Ucraína é unha nación irmá de Rusia e o noso socio estratéxico, polo que apostamos na paz e a tranquilidade”.

Moscova pide á oposición que dialogue co Goberno "sen ameazas nin ultimatos"

Ademais, desde o goberno ruso lamentan que a UE “non dea unha resposta coherente” ao que está a pasar”, pois non recoñecen “a responsabilidade da oposición” en accións dan oposición na violencia.