A UE usará sistemas informáticos automatizados para "loitar contra a inmigración irregular"

Ursula von der Leyen. (Foto: Philipp von Ditfurth / DPA vía Europa Press)
Este sistema aplicarase ás persoas que necesiten un visado de estancia de curta duración e ás de Estados terceiros exentos da obrigación de visado.

A Comisión Europea traballa para que os novos sistemas automatizados de entradas e saídas de persoas viaxeiras chegadas desde terceiros Estados estean en marcha e preparados para o seu funcionamento a partir do próximo 10 de novembro.

Estes novos sistemas automatizados cos que o Executivo da Unión Europea (UE) pretende "loitar contra a inmigración irregular" funcionarán a través do ETIAS, un novo documento de autorización de viaxe para 30 países europeos, vixente desde a primavera próxima.

Así o expresaron fontes da Comisión Europea en declaracións sobre o sistema informático automatizado para o rexistro das entradas e saídas de persoas viaxeiras de terceiros Estados nas fronteiras exteriores.

Este sistema está aprobado desde 2022 mais foi acumulando atrasos na súa posta en marcha, xa que o último prazo era que funcionase desde outubro de 2024. Este sistema aplicarase ás persoas que necesiten un visado de estancia de curta duración e ás de Estados terceiros exentos da obrigación de visado.

Neste sentido, as fontes da Comisión Europea confirman as novas datas para o sistema de entradas e saídas e para o ETIAS e reiteran que Bruxelas está en "estreito contacto" cos Estados da UE para axudalos a que estean preparados para pór en marcha este sistema.

"Saber exactamente quen entra no Espazo Schengen"

Segundo a comisaria de Interior, Ylva Johansson, estes sistemas automatizados que entrarán en funcionamento a partir do 10 de novembro servirán para "saber exactamente quen entra no Espazo Schengen cun pasaporte estranxeiro".

"Saberemos se a xente queda demasiado tempo. Servirá para loitar contra a inmigración irregular e dificultará o uso de pasaportes falsos por parte de delincuentes, terroristas ou espías rusos", explicou a comisaria de Interior da UE.