Crónica / Sermos en Catalunya (e IX)

Última ou derradeira?

A semana pasada estiven en Escocia e subín no tren de Harry Potter… Faise un silencio expectante porque o ton da frase non implica punto; nin punto e seguido nin a parte, senón avanzar cara unha historia extraordinaria, cara un efecto máxico, algo que xustifique unha sentencia dese tipo no medio dunha conversa que vai sobre o procés e máis Europa.

Case 48 horas despois do reconto electoral do 21D e á vista das primeiras reaccións, os sentimentos están enfrontados, entre quen pensa que si, que Europa vai pedirlle contas a Rajoy e quen non é tan optimista e pensa que o mesmo é mellor volver subir ao tren escocés a ver se algo de maxia obra a miragre.

Sermos Galiza compartiu a xornada cun grupo de Eurodeputados e Eurodeputadas do Grupo ALE que viñeron a Catalunya de observadores internacionais para garantir o desenvolvemento da votación e do reconto. Non o fixeron en misión oficial, conste; a mítica frase en forma de chiste de Soraya Sáenz de Santamaría sobre as Diplocats, agora chamadas “Diplocats… en liquidació” impediu que o traballo desta delegación fora recoñecido formalmente.

 

Entre os seus membros, está a Responsábel de Relacións Internacionais do BNG e próxima eurodeputada a partir de febreiro, Ana Miranda. Hai até uns transilvanos e uns tiroleses, que son entrevistados e entrevistadas por televisións suecas, corsas, chinesas, alemanas e até de Castela e León. O que acontece en Cataluña é histórico, aí non hai partido nin medio de comunicación que non coincida, é a fenda máis grande que se lle ten feito até o momento á sacrosanta Constitución do 78 e por iso o interese internacional.

 

Bar Lugo

 

Non hai tanta coincidencia, sen embargo, en asumir que non foron uns comicios nos que o cidadán votara en clave nin de patrias nin de bandeiras. O dono dun bar de barrio - “alta gama”- ironizaba o propio chaval- explícao dun xeito tan meridianamente evidente que até os eurodeputados/as que aínda quedan a tomar a última birra flipan coa lucidez. Con esa fala que comparten todos os camareros dese tipo de baretos, que ben poidera ser de Vallecas ou Carabanchel, espétanos:

“Yo no soy independentista, yo soy un currante, y he aterrizado en Barcelona como podía haberlo hecho en Cádiz o en Murcia, pero estoy aquí y yo quiero trabajar y vivir en paz. Que dejen de tocarme los huevos y de robar en mi propia cara. Siempre lo mismo y siempre los mismos. Así que la cosita está muy clara: o cambio o más de lo mismo, es decir, puteo. No hay más, no hay término medio y si el cambio pasa por votar independentista pues se vota, yo es lo que he votado, no queda otra. No es que nos vayamos a ir o no de España, pero es que joder, lo que no puede ser es que Catalunyha sea el motor de Madrid (por Estado) y Rajoy esté ahí venga a griparnos, que no, que así no salimos adelante”.

 

O garito chámase Bar Lugo, alguén pregunta: “Eres gallego?” A lo que el responde: “No, no soy gallego pero soy la polla”. Risas xeneralizadas e despois silencio camiño do taxi. Ninguén comparte pensamentos, pero seguro que todo o mundo está dándolle voltas á “filosofía de barra” mentres camiñamos por inercia, os ollos fixos nos teléfonos móviles cos chíos das primeiras reaccións, que van mudando da euforia dos gañadores –Indepes e Cs- ás primeiras mostras de que a situación se pode endurecer. As declaracións de Pablo Casado (PP), de feito, non agoiran unha aceptación moi democrática dos resultados.

 

Composta pero sen mozo

 

Ironías da vida ou de que “hai algo que non fixemos ben”, bromea un dos asistentes da delegación, porque o hotel no que se aloxan os eurodeputados está na Plaza de Espanya e é o mesmo no que Arrimadas e Albert Rivera celebran a primeira victoria en votos e escanos dunha formación non catalanista que adianta pola dereita a PP e Convergencia xuntas. Votos que, maioritariamente, ademais, veñen dos cinturóns e barrios onde de seguro que hai moitos bares como o Bar Lugo. O tópico de que os obreiros/as votan á dereita cóase en Catalunya. O tópico e case a falta de respeto, a fórmula que tantas veces usou a vella política para non facer autocrítica en boca, agora, da política nova. Os Comúns, que non entenderon ou non quixeron entender de qué vai isto teiman dende Madrid máis ou menos no mesmo relato co que comezaron a campaña: equiparar DIU co artigo 155 e reprochar ao independentismo que Catalunya, un pobo de esquerdas, agora sexa de dereitas.

 

Arrimadas levaba xa uns días que se vía, pola súa comunicación non verbal, que non as tiña todas consigo. Está contenta, exultante, incluso se lle escapa nun momento determinado do seu discurso un xesto coas mans que amosa como rabia, como: “si, joderos, non gobernarei pero o conseguimos”. Pero, sen embargo, non luce ante todas as teles do mundo o vestido que elixiu para a xornada, un modelito branco cun simbolismo ben evidente, non en van as portadas do día da reflexión dos medios estatais nola presentaban como a novia de España. É certo que facía rasca, mais iso non lle impediu ao seu xefe, Albert Rivera, saír case en mangas de camisa e interrumpirlle o discurso cando no tempo case de desconto consiguen un deputado máis a costa do PP. Rivera non está escoitando a Arrimadas; non está vendo ao seu público, Rivera está xa no 2020 ou antes, incluso, imaxinando como lle senta o sillón presidencial.

 

Foi un grande resultado, indiscutiblemente, pero unha victoria agri-doce, pois en Ciudadanos son conscientes de que vai ser moi difícil gobernar e de que o principal obxectivo, ademais, non se cumpriu: o independentismo non perde folgos. A propia candidata recoñece nunha entrevista xa pasada a resaca que preferiría outro sistema electoral, aínda que Cs perdera algún escano, se iso facía que o bloque dos soberanistas non reeditaran a maioría absoluta.

 

O taxista de Albiol

 

Tanto e así que nin siquera hai moita festa na Plaza de Espanya. O taxi que nos baixou até alí conduce mudo, o mesmo é que era o taxista de Albiol, o único, vistos os resultados do PP. PP e Ciudadanos quéixanse de sistema electoral, mais en Galiza, por exemplo, con ese número de votos, os populares serían extraparlamentares. Tres deputados a compartir espazo no grupo mixto cos 4 da CUP; xustiza poética, malia que a candidatura de Carlos Riela merecera mellor resultado. Claro que o mesmo pode ser tamén un bo exercicio para a dereita, para que comprobe que non teñen cornos e rabo, que non están todo o día co “monotema” e que teñen programa, propostas, iso si, propias da esquerda. Ah, e que se lavan!

Vivir ou hospedarse nos arredores da Plaza de Espanya implica que se hai follón o máis probable é que no pegues ollo, non foi o caso, así que Ciudadanos debeu optar pola retirada logo dos cañonazos finais con confeti. Visto dende fóra, incluso co bo resultado tamén para os independentistas, a noite non era para moita celebración e menos pública. Nin Junts per Si nin ERC o fixeron. Así que, a verdade, os Dj, os cubatas e o desfase da ANC sobraban, facían sentir a un incómodo, resultaban até obscenos nun momento no que nin a maioría absoluta do bloque soberanista nin o feito de que sigan medrando en votos son garantía de nada. Nin vai rematar xa o conflicto nin os presos políticos van comer o turrón coas súas familias; é máis, o mesmo para a noite das uvas xa teñen compañía, vistas as novas imputacións feitas públicas -cadradas propias da división de poderes- o mesmo día da votación e o posterior.  

 

A pregunta era obvia, tanto entre a delegación de eurodeputados/as como entre a xente que se congregaba nos cuarteis xerais dos partidos para o reconto. É unha reacción ao resultado? Por iso todo o mundo é cauto nas euforias, porque o Estado ten mal perder. A saúde da democracia era o que estaba en xogo nos comicios; non respetar o resultado por parte do goberno e colaboracionistas é sinónimo de que os votos lexítimos da xente non foron quen de sanala e, por tanto, haberá que seguir loitando.

 

Megaresultado en diferido

 

As reaccións no plasma de Junts Per Cat e na Estación do Nord, onde se congregaban os de ERC, responderon, por tanto, a unha alegría cauta, nos marcados estilos que diferencian a unha e outra formación, iso si. MegaPuigdemont e os seus celebraron o triunfo sobre o 155 con autosatisfacción e un punto de soberbia, as cousas como son, aínda que teñan motivos para tela e, por suposto, cunha sobreexposición do candidato, incluso calado. Gañou o President, gañou o Govern lexítimo, gañei Eu, nin siquera o partido. Para que logo os todólogos das tertulias asimilen o voto do PdeCat á dereita. A ideación da campaña nos termos nos que se fixo tiña de feito ese obxectivo, atraer apoios á “lexitimadade democrática” non a un partido liberal que, de feito, pouco pintou durante os 15 días de actos electorais e todo apunta que pouco vai pintar. Era unha campaña arriscada, como publicou xa Sermos nunha crónica anterior, unha campaña que podía saír moi ben ou moi mal e, evidentemente, saíulles moi ben.

A xente que agardaba a comparecencia de Marta Rovira na Estación do Nord ficaba sorprendida co feito de que, tal e como apuntaban todos os pronósticos, non fora ERC a forza que liderara o independentismo. Recuperou parte dos votos que foran parar á CUP cando decidiran ir en coalición cos ex convergentes e gañou outros, o que fai do seu resultado uns datos históricos, “magníficos” para a formación, comenta algún do seus líderes. Xogaron en inferioridade de condicións, ademais, con Junqueras na cadea e boa parte da candidatura nos primeiros días da campaña, así que teñen que estar contentos. E estano, asegúranche unha vez que xa se pode facer unha análise máis repousada dos datos; pero así, no inmediato, hai certa frustración. Incredulidade, incluso; contábase co crecemento de Ciudadanos pero non escoitarás a case ninguén que imaxinara que fora ser tanto.

 

A saída dos xefes caldea o ambiente, sube os ánimos e desentumece un pouco os osos que se estaban a quedar conxelados coa espera nunha nave arquitectónicamente máis que fermosa pero na que parece que se concentraba toda a humidade xunta de Barcelona. Fronte á autoreafirmación de Puigdemont, o estilo de ERC, en boca de Marta Rovira, é o da satisfacción colectiva polo traballo ben feito e porque se fixo xustiza. A noite do 21D caeron moitos mitos sobre o independentismo e sobre o 1-O, pois a cidadanía, máis de dous millóns de persoas, malia estar enganada, malia escoitar que as empresas marchan, malia o medo que se lles inoculou en moi distintas variantes, votaron República. Marta Rovira, a verdadeira Cid Campeadora desta campaña, fala de que a República gañou ao 155, fala dunha República Social, é dicir, reitera que isto tamén vai de dereita e esquerda e o seu programa é nidiamente vermello. Fala, sorrí, arroupada polos compañeiros e compañeiras, con firmeza pero con humildade; con garra pero con xenerosidade, tanto é así que ten un cariño para os Comúns, para que rectifiquen e se sumen ao mandato maioritario dos cataláns: democracia. Tamén Carles Riela llo ten dito a Xavi Domenech: “de vós esperábamos máis, vós tiñades que estar tamén empurrando, é ou era o voso ADN”. Hai unha mensaxe tamén clara para Rajoy, que non agresiva: Vai aceptar os resultados? E logo, o obvio: Retirada do 155, liberación dos presos e diálogo. O propio Rajoy tivo que recoñecer a lección de civismo que deu o pobo catalán, civismo pacífico como salientou a Marta, desmontando así outro mito, outro relato, outra postverdade ou como se lle queiran chamar ás formas de manipulación coas que algúns medios e certos políticos conseguiron que o resto do Estado odie a Catalunya e os cataláns pouco informados acaben votando CS ou Iceta, “porque temos medo”.

 

Uber e o marido de Arrimadas

 

“Medo non, pero cando ves que subes ao taxi a tanta xente importante que che di que tivo que sacar os cartos do banco por se acaso, que vai levar as súas empresas fóra para que non lle multe a Unión Europea, cando pasa algo tan grave como o dos atentados e se olvida rápidamente e, sen embargo, pasa o do 1 de Outubro e semella que estoupa unha guerra…. Pois non sabes moi ben que facer”.

 

Quen fala é unha taxista colombiana que se salta a normativa de tráfico dun xeito bastante máis delictivo que os supostos grandes males feitos por Junqueras ou os Jordis. Leva máis de 30 anos en Barcelona e sempre votou “partidos de aquí” pero esta vez decidiuse por Iceta. Por un momento parece que fala do candidato de ERC, pero ao preguntarlle para saber se entendimos ben solta un: “nooo, noo, ese que se pudra en la cárcel”. Dislle que non será para tanto e entón comeza a recuar, dase conta que lle faltan datos, que fala por falar e entón cambia o discurso e recoñece que a verdade é algo inxusto, porque os que rouban eses si que non están na cadea. O tema da corrupción teno claro, de aí que o de votar a Albiol, o suposto amigo dos taxistas durante toda a campaña, nin se lle acorde. É máis, optou por Iceta e non por un partido catalán porque ela xa pensa en clave estatal e na súa composición de lugar cre que un resultado bo do PSC fará que “por fin botemos ao Rajoy ese”.

 

E por que non a Arrimadas? “Porque eses son uns pijos. Din que até son nazis, iso será verdade?” Fas o que podes á hora de respostar pero xa ela mesma continúa soa e dache unha exclusiva: “ademais,  o colectivo de taxis decidimos non votala, espero que cumplamos todos, porque aínda onte soubemos que o seu marido fichou por Uber, co dano que nos fai a nós esa empresa”.

 

Como a distancia é longa, pasamos por diante de distintos colexios electorais nos que se vía claramente movimento. Imos caladas, pero ela dase conta do que estás a mirar e retoma a conversa. “Nunca vin tanta participación e iso é bo. É que non entendo o seu país, cómo poden queixarse se logo non van a votar. No meu país non é así, e iso que non é como noutros países veciños que é obrigatorio; pero aquí vostedes deberían facelo obrigatorio tamén porque senón isto non ten sentido”.

 

Remata a carreira diante do colexio no que eu quedara coa delegación europea. Os eurodeputados/as aínda non están pero si unha rapaza loira que leva por capa unha bandeira Española, mentres coquetea cun apoderado de Ciudadanos que lle explica que vén dende Alicante. A taxista, que tamén se fixou na escena, mírame mentres me dá o cambio e me colle a man –customicei o lazo amarelo para transformalo nun OriolAnel-. Sorrí e pregúntame,  entón, vostede pensa que fago ben votando a Iceta?

 

A política resolve o político

 

Iceta recoñeceu que non eran os resultados que agardaba, volveu vestir o traxe presidenciábel vs a estridencia e recoñeceu o obvio, concluiu algo para o que non facía falta pasar nin por uns comicios, nin por apreixamentos nin por postverdades: “Estes resultados teiman en que o político só se pode solucionar con política”.

 

O obvio demostra tamén, diga o que diga Arrimadas, que este é un problema entre Catalunya e o Estado, non entre cataláns, pero o Estado semella, alomenos nestes primeiros momentos, que non entendeu res.   

 

Ultimo, derradeiro ou o tren de Harry Potter

 

En galego último non é sinónimo de derradeiro, por iso ninguén se atreve a pór a man no lume na despedida, nin os compeñeiros/as xornalistas nis os representantes dos distintos partidos que nos atenderon. O desexabel sería pechar esta serie de crónicas como a Derradeira, pero xa non depende de Sermos Galiza, nin siquera do mandato lexítimo do pobo catalán, depende da “política” e Espanya leva demasiados anos co ceño fruncido.

 

Máis de dous millóns de cataláns tentan aprenderlles, unha vez máis, que é Temps de Revoltes: pacíficas, civícas e sorrintes. Sería bo, non só para Catalunya, que desta volta captaran a mensaxe. Iso ou marchar todos e todas co Roger (ERC) de novo a Escocia a agardar algún poder sobrenatural dese tren de Harry Potter que lles faiga caer da burra. Non queda outra :)