A ultradereita busca a súa primeira vitoria (e a Chancelaría) nas eleccións austríacas

Herbert Kickl (FPÖ). (Foto: Georg Hochmuth / APA / DPA vía Europa Press)
Demanda unha nación máis "homoxénea".

Logo de ficar como primeira forza en xuño nas votacións ao Parlamento Europeo que decorreron en Austria, a ultradereita do Partido da Liberdade (FPÖ) aspira a gañar o domingo por primeira vez as eleccións lexislativas no país centroeuropeo, o que lle abriría a porta da Chancelaría.

As enquisas publicadas nas últimas semanas coinciden en apuntar cara á formación como a gañadora, mais cunha renda cada vez máis reducida co conservador Partido Popular (ÖVP). Esta semana, a compañía demoscópica IFDD subliñou que esta última forza está a apenas dous puntos con 25%, por 27% da extrema dereita.

Detrás aparece o Partido Socialdemócrata (SPÖ), con 21%, e xa máis afastados están Os Verdes (9%), a liberal NEOS (9%), o progresista BIER e o Partido Comunista (KPÖ), ambos os dous con 3%.

A diferenza de Alemaña, onde o resto de formacións aplica un cordón sanitario á extrema dereita, en Austria o FPÖ participou en varios Gobernos desde a década de 1980, sempre da man do ÖVP, que lideraba eses Executivos.

Porén, nesta ocasión o actual chanceler, o conservador Karl Nehammer, que mantén unha coalición cos Verdes, advertiu que non se unirá a un Gabinete encabezado por Herbert Kickl, ex ministro de Interior e candidato do FPÖ, ao que definiu como un risco para a seguridade do país. Así e todo, non descartou unha coalición coa 
extrema dereita.

Pola contra, se os conservadores acaban primeiros parece máis doado que se realice unha nova coalición coa ultradereita como segunda forza.

No seu programa electoral, a FPÖ defende lograr unha nación máis “homoxénea” a través do control fronteirizo e da suspensión do dereito de asilo, remarcando a súa demanda da “remigración de estranxeiros non convidados”.

Votación a tres niveis

En Austria, os 183 postos do Consello Nacional, a Cámara Baixa, elíxense en tres niveis, votando unha lista aberta a nivel estatal, por circunscricións federais e rexionais. Nesa liña, é preciso superar 4% do total nacional dos votos ou gañar un escano directamente nunha demarcación para entrar ao Parlamento.

Ao respecto, as enquisas aínda outorgan posibilidades de entrar no órgano ao KPÖ, que leva sen representación na Cámara Baixa desde 1959 após participar nos primeiros Gobernos posteriores á liberación tras a derrota da Alemaña gobernada pola ultradereita na Segunda Guerra Mundial.