Un palestino asasinado en Gaza após dous días de tregua

Fontes de Hamas denuncian o asasinato dun campesiño de 23 anos en Gaza e de sete persoas feridas no que podería ser o primeiro incumprimento da tregua. 

 

Un voceiro do Movemento de Resistencia Islámica (Hamas) asegurou esta sexta que soldados israelís terían asasinado un campesiño palestino perto da fronteira co territorio ocupado por Israel. Após dous días despois de se declarar o cesamento ao fogo, esta podería ser a primeira violación dos acordos adoptados entre Hamas e o executivo liderado por Benjamin Netanyahu. Aliás, o acontecido viríase a sumar ás detencións desenvolvidas a pasada cuarta en Cisxordania en que foron arrestadas 55 persoas. 

Neste sentido, Hamas asegurou que presentaría unha queixa perante as autoridades exipcias encargadas de velaren polo cumprimento do acordo, en calidade de estado mediador nas negociacións. Segundo o goberno sionista, desde Tel Aviv están a investigar os acontecementos en que foron feridas outras sete persoas. Porén, membros do exército sionista aseguraban que na pasada quinta feira (22 de novembro) "máis de douscentos alborotadores palestinos tentaron chegar ao valado" que separa en dous o territorio.

Así as cousas, segundo o disposto na tregua acordada por ambas as dúas partes, a partir das 21 horas (hora galega) de onte (quinta feira), o goberno israelí debía abrir os postos fronteirizos da Faixa de Gaza e reducir ou mesmo suprimir as restricións estabelecidas até o de agora a respecto do movemento de persoas e mercadorías desde Gaza.