Candidatura unitaria do soberanismo para as eleccións sicilianas

A illa mediterránea ten cita coas urnas este ano para renovar Parlamento e elixir presidente para os vindeiro lustro. Nacionalistas e independentistas presentan candidatura unitaria, MNS, liderada polo profesor Gaetano Armao.

Sicilia, a principal illa do Mediterráneo, ten cita coas urnas este ano para renovar a súa asemblea (a única asemblea rexional italiana que ten o título de Parlamento) e elixir presidente para os vindeiros cinco anos. Por volta duns 4 millóns de sicilianos poderán votar nuns comicios nos que o actual presidente, Rosario Grocetta (PD, centro-esquerda), tentará revalidar o cargo.  Grocetta gañou as eleccións en 2012 marcando un feito histórico: por primeira vez triunfaba unha candidatura de esquerdas nesta illa baixo soberanía italiana. Procedente do PCI e da Rifondazione Comunista, activista homosexual e cun contundente discurso anti-mafia, a vitoria de Grocetta semellaba augurar unha nova etapa na política siciliana.

Porén, 5 anos despois, a súa popularidade está polo chan e as enquisas e sondaxes sitúan o Movemento 5 estrelas de Peppo Grillo en situación de dar a sorpresa. No 2012 fora segunda forza. A dereita berlusconiana, Forza Italia, é a cuarta forza na illa, tras os centristas, e aspira nesta cita electoral aumentar presenza.

Para alén destas tres forzas italianas, no Parlamento de Sicilia hai presenza dunha organización siciliana, MPA, autonomista e reformista, que posúe 4 deputados da asemblea.

“Autodeterminación”

De cara a sumar forzas para estes comicios, tres formacións nacionalistas e independentistas (Sicilia Nazione, Fronte Nazionale Siciliano e Movimento per l’independenza della Sicilia) acordaron concorrer coligadas como Movemento Nacional Sicialiano (MNS). Como candidato presentan Gaetano Armao e queren entrar no Parlamento para facer política, din, “contra unha clase política corrupta e subalterna ao centralismo”. Impulsan un proceso para sumar a esta plataforma movementos e organizacións locais de toda a illa en base á defensa dun programa de país.

O MNS defende o carácter nacional de Sicilia e o seu dereito á autodeterminación e pide unha relación de bilateralidade entre a Illa e Italia. O independentismo en Sicilia non é algo novo. A comezos do século XX xa existían tres organizacións políticas que defendían a independencia da illa. Nas primeiras eleccións `rexionais’, 1949, o Movemento siciliano pola independencia (MSI) logrou o 9% dos votos.