A Unión Europea propón enviar a Ucraína 50.000 millóns de euros

Ursula von der Leyen a terza feira. (Foto: Christophe Licoppe / European Comm / DPA)
Dos 50.000 millóns de euros en catro anos 33.000 millóns serían para axuda macrofinanceira.

Ursula von der Leyen, presidenta do Executivo da Unión Europea (UE), lanzou a terza feira un paquete de axuda dirixido a Ucraína de 50.000 millóns de euros que cubriría o período entre 2024 e 2027, e que precisaría achegas extraordinarias dos Estados membros do bloque comunitario.

A líder da Comisión Europea detallou que este importe corresponderá a subvencións e préstamos, reiterando que “todos sabemos que unha guerra exixe de nós a máxima flexibilidade”, e sinalou que os fondos para a “reserva financeira” provirán en parte do orzamento da UE e o resto de achegas dos membros, nunha proposta integrada na revisión do marco financeiro plurianual da entidade. Un alto funcionario do bloque comunitario informou a Reuters de que 33.000 millóns de euros do total corresponden a asistencia macrofinanceira.

Desde o comezo da invasión os aliados de Ucraína dedicaron case 170.000 millóns de euros ao país, 70.000 deles só en armamento, na súa maioría procedentes de Estados da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Nese sentido, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, indicou que os arsenais dos países membros están “esgotados”, reclamando que sexan restaurados o antes posíbel, no medio do debate que impulsa no seo da alianza militar para aumentar o gasto en Defensa.

Aliás, o Ministerio de Defensa ucraíno comunicou que a UE adestrará 30.000 soldados de Kíiv ao longo de 2023. Até o de agora, a OTAN formou 60.000 militares ucraínos.

No que atinxe ás vítimas civís na guerra de Ucraína, o Alto comisionado da Organización das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos elevou a 9.083 persoas a cifra de falecementos desde a invasión, ás que hai que engadir 15.779 persoas feridas, a maioría dos decesos producíronse nas zonas en disputa entre os militares rusos e ucraínos. Ao tempo, subliñou que “as cifras reais son considerabelmente máis altas”, polo atraso na confirmación de  distintos informes.

Ataques aéreos

No plano militar, Kíiv salientou que Moscova lanzou unha vaga de ataques aéreos durante a madrugada contra catro rexións, e intercambiaron acusacións sobre disparos nas zonas afectadas polas inundacións posteriores á destrución dunha presa na rexión de Khersón, que terían provocado unha morte na zona controlada por Ucraína. Á vez, o Ministerio de Defensa ruso trasladou que Ucraína efectuou 263 ataques contra posicións rusas após o comezo da contraofensiva.