TABARÉ, RELEVO DE PEPE MÚJICA

Uruguai: enquisas apuntan a vitoria do Frente Amplio mais sen maioría absoluta en primeira volta

Tabaré Vázquez, candidato do FA, avantaxa en entre 10 e 13 puntos a Luis Lacalle (Partido Nacional) na recta final das eleccións deste 26. De non haber maioría absoluta, habería que ir a unha segunda volta, o 30 de novembro.

 

As enquisas e sondaxes que estes días se fan en Uruguai con motivo das eleccións presidenciais do día 26 coinciden en apuntar a unha vitoria cómoda do Frente Amplio fronte aos seus competidores (entre 10 e 13 puntos de diferenza co segundo), mais insuficiente para proclamar gañador na primeira volta, polo que habería que acudir ao ‘balotaje’ (como denominan á segunda volta), o 30 de novembro.

A enquisa da consultora Factum outórgalle ao Frente Amplio o 42% dos votos, fronte ao 32% do Partido Nacional e ao 15% do Partido Colorado. Na feita polo grupo Radar o FA tería case o 44% dos votos, o PN o 30,4 e os ‘colorados’ o 13%. Outras sondaxes (Interconsult, Euquipos...), abondan na mesma liña: Vitoria do FA mais sen acadar a maioría absoluta en primeira volta dos votos emitidos, polo que se faría obrigada unha segunda quenda. En Uruguai o voto é obrigatorio.

Tabaré, confiado na vitoria na primeira volta

O candidato do F. Amplio, Tabaré Vázquez (Pepe Mújica non pode recuncar por limitación constitucional de mandato) chamou a non facer moito caso de enquisas e sondaxes e mostrouse confiado en vencer na primeira volta. “Os uruguaios son conservadores”, manifestou, engadindo a seguir que queren “conservar” as conquistas sociais acadadas desde 2005 até agora (9 anos de goberno do FA). Gobernou sempre con maioría en ambas as dúas cámaras: Congreso e senado.

Pepe Mújica non pode recuncar por limitación constitucional de mandatos

Tabaré, que xa fora presidente de 2005 a 2010, vai acompañado na candidatura como vice-presidente de Raúl Sendic, fillo do histórico guerrilleiro tupamaro.