Valls anuncia que votará o centrista Macron e non o candidato do seu partido

Manuel Valls, no momento de facer o anuncio

As e os votantes social-liberais do PS receberon unha clara mensaxe do seu principal referente, Manuel Valls. O ex primeiro ministro, derrotado nas primarias do seu partido, anunciou esta cuarta feira que, xa na primeira volta do 23 de abril, non votará o candidato do PS, o socialdemócrata Hamon, senón o centrista Macron.

Que un destacado dirixente do PS vote Macron o 7 de maio na segunda volta das presidenciais francesas para evitar o triunfo de Le Pen é o que se agarda. O que non se agarda tanto é que o vaia facer xa na primeira, axendada para o 23 de abril. Isto é o que acaba de anunciar Manuel Valls.

Nas primarias do PS, Valls perdeu ante Hamon -candidato da ala esquerda do partido asesorado polo economista Thomas Piketty- e agora xoga a favor das opcións de Emmanuel Macron, o líder centrista ao que as enquisas colocan nunha eventual segunda volta como o político con maior capacidade para derrotar a Marine Le Pen.

"Non é unha cuestión de corazón. É unha cuestión de razón e de responsabilidade", dixo Valls nunha entrevista televisiva a modo de xustificación do sentido do seu voto. "Non aceito que a esquerda fique marxinada do Goberno", engadiu, unha frase en que implicitamente o ex primeiro ministro francés recoñece valores progresistas na candidatura de Macron.

Na maioría das enquisas publicadas até o momento, a pelexa para estar na segunda volta está entre Le Pen, o propio Macron e o incombustíbel candidato da direita François Fillon, quen continúa na batalla embora ter sido imputado.

En realidade, Valls ten moito máis a ver con Macron -un economista neoliberal que traballou na Banca Rothschild antes de desembarcar no Elíseo con François Hollande como asesor- do que con Hamon, un socialdemócrata clásico. Macron acabou sendo membro do goberno Hollande como ministro de Economía e, portanto, foi compañeiro de Valls no executivo galo.

Nas enquisas Hamon aparece sen opción nengunha, indo mesmo por detrás do candidato esquerdista e ex membro do PS Jean-Luc Mélenchon.