A vila lusa de Oeiras presume do seu propio Yuri Gagarin
A cámara municipal de Oeiras, unha administración semellante ao que sería un concello na Galiza, vén de inaugurar un busto do astronauta Yuri Gagarin (1034-1968).
A estatua en lembranza do cosmonauta, que pode verse na Taguspark – Cidade do Conhecimento desde este domingo, foi unha doazón da Internacional Charity Foundation “The Dialogue of Cultures -The United World” e a embaixada da Federación Rusa en Portugal á vila.
O busto en bronce que deseñou A.D. Leónov é unha achega entre os pobos, un símbolo da “amizade entre Rusia e Portugal” como sinalou a entidade local, mais tamén unha homenaxe.
A través da figura do astronauta quere lembrarse o 60 aniversario do primeiro voo espacial no que participaron seres humanos, no que precisamente participou o coñecido Gagarin.
Segundo recolleu o xornal portugués Jornal de Noticias, o CEO da Taguspark, Eduardo Baptista Correia, afirmou: “Na Taguspark, o comunismo está no museu. Esta obra de arte, que inclui a bandeira da URSS junto ao busto de Yuri Gagarin e do foguetão Vostok 1, é uma homenagem ao primeiro ser humano no espaço e a este acontecimento marcante".
O acto de inauguración decorreu no marco do FIC.A, o Festival Internacional da Ciencia. Agora a peza forma parte do MAU ou Museo de Arte Urbano.
Neste evento estiveron presentes, ademais de Correia, o máximo dirixente de Oeiras, Isaltino Morais, e o embaixador da Federación Rusa, Mikhail L. Kamynin.
“É importante resaltar que a historia non se pode cambiar, pero debemos aprender dela e, conscientes da súa relevancia”, resumiu Correia.