Xustiza

Unha xuíza abre dilixencias previas contra Pablo Echenique por un chío sobre os sacerdotes

Pablo Echenique (Foto: Europa Press).
"É moito máis probábel que un sacerdote cometa un delito de agresión sexual contra menores de idade que que delinca unha persoa migrante", escribira o ex deputado de Podemos.

O Xulgado de Instrución Número 38 de Madrid abriu dilixencias previas contra o ex deputado de Podemos no Congreso español, Pablo Echenique, por un presunto delito de discriminación, a raíz de publicar na rede social X que "é moito máis probábel que un sacerdote cometa un delito de agresión sexual contra menores de idade que que delinca unha persoa migrante".

Nun auto, a xuíz Hortensia Domingo de la Fuente sinala que os feitos, denunciados pola organización Abogados Cristianos, "presentan características que fan presumir a posíbel existencia dunha infracción penal".

Por iso, a xuíz acorda, entre as dilixencias para practicar, oficiar á Policía para que "participe o domicilio do investigado" e, unha vez obtido, "citar para prestar declaración". Así mesmo, ordena que se solicite folla histórico-penal do denunciado a través do Rexistro Central de Penados e Rebeldes.

O pasado 10 de maio, Echenique publicou na súa conta de X (antes Twitter) que, "estatisticamente, é moito máis probábel que un sacerdote cometa un delito de agresión sexual contra menores de idade que que delinca unha persoa migrante".

"Desde o punto de vista da seguridade cidadá, sería máis eficaz deportar sacerdotes que endurecer a política migratoria", concluíu o chío, que publicou ao fío dunha noticia que recollía unhas palabras do arcebispo de Oviedo sobre inmigración: "Dentro desta apertura buenista, pódesenos coar xente que son indesexábeis".

"Discurso de odio"

Para a presidenta de Abogados Cristianos, Polonia Castellanos, "non é propio dun país democrático que por rezar póidase pedir até prisión para un cidadán mentres os políticos aos que pagamos cos nosos impostos poden atacar, insultar, vexar e dirixir discurso de odio contra os católicos sen que nunca pase nada".