A Xustiza da UE valida o veto do Parlamento Europeo a Puigdemont e Comín

O último recurso foi desestimado.
O ex president Carles Puigdemont e o ex conseller Toni Comín. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
photo_camera O ex president Carles Puigdemont e o ex conseller Toni Comín. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) desestimou a quinta feira o recurso do ex presidente catalán Carles Puigdemont e o ex conseller Toni Comín, ambos os dous de Junts, na súa demanda contra o Parlamento Europeo por non recoñecelos como eurodeputados no inicio da pasada lexislatura, e avala que o daquela presidente do lexislativo, Antonio Tajani, aceptara a lista oficial de persoas electas enviada pola Xunta Electoral española.

Nesa relación non aparecían ningún dos dous ao non cumprir co requisito do organismo de desprazarse a Madrid para xurar ou prometer a Constitución despois de ser elixidos, pois xa se atopaban no exilio perante a persecución do Estado español ao independentismo catalán.

Na sentenza, o TXUE asegura que a Presidencia do lexislativo non pode “comprobar a exactitude da lista”, defendendo que racharía co repartimento de competencias entre os Estados e o bloque comunitario, e apunta que en todo caso é á Xustiza española á que se debería recorrer. O principal afectado polo auto é Comín, o único que aínda é eurodeputado mais que por este motivo non tomou posesión.

Comentarios