Zelenski renova o Goberno tras o ataque ruso a un centro de formación militar

Cascallos en Lviv (Ucraína) após un ataque ruso a cuarta feira. (Foto: Anastasiia Smolienko / Zuma Press)
Blogueiros bélicos de Kíiv cuestionan que o Exército permita grandes concentracións de militares despois de ataques anteriores.

Dmytro Kuleba, ministro de Exteriores ucraíno, presentou a cuarta feira a súa dimisión, horas despois de que fixeran o propio os titulares de Xustiza, Industrias Estratéxicas e Medio Ambiente e Recursos Naturais, así como o líder do Fondo de Propiedade do Estado ou a viceprimeira ministra para a Integración Europea e Euroatlántica. Delas, a máis relevante é a renuncia de Kuleba, que non explicou os motivos da decisión e que desde Exteriores era “un dos rostros máis recoñecíbeis” do país no escenario internacional, só por detrás do presidente Volodimir Zelenski, sinala a axencia AP.

Davyd Arakhamia, que lidera o grupo parlamentario de Servidor do Pobo, a formación de Zelenski, no Parlamento, sostivo que habería cambios en máis da metade da vintena de postos do Executivo e que a quinta serían efectuadas as novas designacións, asegurando que se trataba dun “reinicio”.

O mandatario anunciara a pasada semana que unha reorganización do Executivo se levaría a cabo de forma inminente, e na noite da terza feira insistiu en que “o outono será extremadamente importante”, incidindo en que “as nosas institucións estatais deben estabelecerse para que Ucraína logre todos os resultados que precisamos”.

Trátase da renovación gobernamental máis importante desde o comezo da invasión rusa en febreiro de 2022, superando tanto por números como pola importancia dos cargos á vaga de dimisións a comezos de 2023 após transcender acusacións de corrupción.

A medida chega após a baixada de arredor de 30 puntos na popularidade de Zelenski nos últimos meses, mais conservando aínda o apoio da meirande parte da poboación, e no contexto das dúbidas xeradas arredor da incursión ucraína na rexión rusa de Kursk en paralelo ao avance das tropas rusas no leste. Asemade, en maio expirou o seu mandato, prolongado pola dificultade de organizar eleccións durante o conflito.

Sexa como for, tamén se produciu xusto despois do ataque ruso con dous mísiles a terza feira contra un centro de adestramento militar no que morreron 53 persoas e foron feridas case 300 máis, informaron funcionarios de Ucraína.

Desinformación

Ao denunciar o ataque Zelenski sostivo que Moscova atacou “unha institución educativa e un hospital” que linda co centro, insistindo en que “a escoura rusa pagará por este ataque”, e o Ministerio de Exteriores cualificouno de “ataque atroz e brutal”. Pola súa parte, os Estados Unidos definírono como unha “brutalidade” e a Unión Europea (UE) falou dun “baño de sangue selectivo”.

Malia a tentativa de deixar entrever que as persoas falecidas eran civís e non militares, incluso os medios occidentais acabaron por admitir que se trataba dunha academia militar ateigada de soldados citando fontes rusas e ucraínas, o Instituto Militar de Comunicacións de Poltava. As Forzas Armadas ucraínas recoñeceron finalmente “ducias de baixas”. Ademais dun hospital, dez edificios de vivendas sufriron danos no ataque, sinalou o Concello de Poltava.

O Ministerio de Defensa ruso detallou que no Instituto instrutores estranxeiros formaban especialistas militares nos ámbitos das comunicacións, a guerra electrónica e o control de drones, tamén hai reportes da presenza de mercenarios no lugar.

Localización das liñas da fronte na guerra de Ucraína. (Imaxe: Nós Diario)

Varios divulgadores militares ucraínos reaccionaron criticando o Goberno por non adaptarse despois de varios ataques destas características ao longo da fase da guerra que comezou en febreiro de 2022, algo no que fixo fincapé o ex asesor de Defensa das autoridades británicas John Foreman, que asegurou que se trata de “pura incompetencia” e dun “total desprezo polas vidas dos soldados”, lembrando outros ataques rusos contra bases militares ucraínas ateigadas como os dirixidos contra Mikolaiv, Yavoriv ou Desna.

En 2022 Amnistía Internacional criticou que Kíiv “pon en perigo a poboación civil” ao instalar bases militares e operar sistemas de armamento en “zonas residenciais poboadas, incluídas escolas e hospitais”, algo que viola o dereito internacional e “converte obxectivos de carácter civil en obxectivos militares”, e na maioría dos casos a moita distancia da liña da fronte, polo que existían alternativas que non porían en perigo os civís. Poltava está a 230 km da liña de fronte no Donbás, que conforman as rexións de Donetsk e Luhansk, e a 110 km da fronteira rusa no norte.

Con posterioridade, a cuarta feira o Concello de Lviv indicou que sete persoas faleceron nun ataque ruso, entre elas tres crianzas. O Ministerio de Defensa ruso afirmou que a ofensiva foi dirixida a empresas da industria militar, e Zelenski aseverou que foron danados “edificios residenciais, escolas e instalacións médicas”, reclamando ao tempo aos seus aliados da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) que lle permitan usar sen restricións mísiles de alto alcance para atacar en profundidade territorio ruso. Os Estados membros ou da contorna da alianza militar controlada polos Estados Unidos comprometeron con Ucraína desde febreiro de 2022 arredor de 300.000 millóns de euros, 140.000 deles en armas e material militar.

Desde o comezo da guerra interna en Ucraína en 2014 até a invasión rusa 3.106 civís perderon a vida no conflito, ao que hai que engadir máis de 11.500 a partir desa data, entre eles máis de medio millar de crianzas, recollen os datos da Organización das Nacións Unidas (ONU). Boa parte das vítimas rexistráronse no Donbás, onde se concentraron a maioría das hostilidades.

Unha vitoria mediática que impulsa o risco de derrota estratéxica

O 6 de agosto Ucraína lanzou unha incursión na rexión rusa de Kursk, na que controlaría máis de 1.000 km cadrados, logrando unha importante vitoria mediática. Porén, un dos obxectivos declarados de Kíiv amais de usala como contrapartida nunha hipotética negociación, que Moscova frease o seu avance no Donbás ao redistribuír tropas da fronte para defenderse, non se logrou, e de feito os avances territoriais rusos no leste ucraíno multiplicáronse desde ese momento, algo que os medios especializados atribúen ao envío de milleiros de soldados ucraínos experimentados a Kursk, territorio no que o avance se estancou e Rusia recuperou algo de territorio máis lonxe de facerse coa totalidade.

Nikolay Mitrokhin, investigador da Universidade de Bremen, advertiu que “nas próximas dúas semanas Ucraína probabelmente perderá case toda a súa liña de fronte en Zaporijia se non desprega todas as súas reservas desde algún lugar ou non inicia ningún avance”.

En tanto, o pro occidental Instituto para o Estudo da Guerra remarcou que Rusia “pode subsumir lenta e indefinidamente Ucraína a través de avances abafadores e lograr os seus obxectivos a través dunha guerra de desgaste e superando o apoio occidental”.

Nese sentido, as tropas rusas están a poucos quilómetros de Pokrovsk, a “columna vertebral da defensa e as subministracións de Ucraína” desde o norte da rexión de Donetsk, detallou o coronel austríaco Markus Reisner á canle Deutsche Welle, subliñando que detrás desta, de facto, base da terceira liña defensiva ucraína na zona, xa é “campo aberto”.