Zelenski sostén que Ucraína controla a cidade rusa de Sudzha, en Kursk, na que se sitúa unha estación clave de gas

Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press / Contacto / Volodymyr Tarasov)
Kíiv revela que a OTAN tiña coñecemento previo da incursión en Rusia.

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, defendeu a quinta feira que, no contexto da incursión na rexión rusa de Kursk, que se atopa na súa segunda semana, tomaron o control da cidade de Sudzha, de 5.000 habitantes e un punto clave para o tránsito de gas natural ao resto de Europa pola estación instalada na localidade.

A afirmación, que non puido ser verificada por fontes independentes, correspóndese non obstante cos avances ucraínos nalgúns puntos corroborados por medios especializados, mentres que noutras áreas da fronte reportouse que as tropas rusas frearon os avances ucraínos.

Após negar o Reino Unido e os Estados Unidos, que proporcionan a Ucraína intelixencia militar ademais de armas, ter coñecemento previo da incursión, o principal asesor de Zelenski, Mykhailo Podoliak, desvelou que mantiveron “conversas” ao respecto con anterioridade cos seus aliados da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Tamén insistiu en demandar a alianza militar controlada polos Estados Unidos que suavice aínda máis as restricións para atacar cos seus mísiles de longo alcance o territorio ruso.

Nord Stream

No que atinxe ao atentado en 2022 contra o gasoduto Nord Stream, que conecta Rusia con Alemaña, o xornal The Wall Street Journal trasladou que Zelenski tería autorizado unha operación para atacar a infraestrutura, mais tería ordenado abortala despois de que os Estados Unidos llo reclamaran.

Con todo, o medio estadounidense indica que o daquela líder das Forzas Armadas ucraínas, Valeri Zaluzhni, desobedeceuno e seguiu adiante co plan. Rusia rexeita esta versión e responsabiliza os Estados Unidos e o Reino Unido do ataque.