Zelenski viaxará a Madrid para asinar un "acordo bilateral de seguridade" con Sánchez

Volodimir Zelenski recibiu o pasado ano en Kíiv a Pedro Sánchez. (Foto: Borja Puig de la Bellacasa / Pool vía Europa Press)
Outros países como Reino Unido, Alemaña, Francia ou Italia xa asinaron os seus respectivos pactos con Ucraína.

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, visitará o Madrid en datas próximas para manter unha nova xuntanza co seu homólogo español, Pedro Sánchez, para asinar un "acordo bilateral de seguridade", un trámite que xa ratificaron outros países como Reino Unido, Alemaña, Francia ou Italia.

Preguntado ao respecto, o ministro de Exteriores, José Manuel Albares, evitou concretar a data do encontro e limitouse a afirmar que, ante a "guerra inxusta e inxustificada" que se está a producir en territorio ucraíno, o Goberno español seguirá apoiando Ucraína "todo o tempo que sexa preciso".

Zelenski xa visitara o Estado español o pasado mes de outubro para participar no cumio da Comunidade Política Europea, integrada pola práctica totalidade dos países europeos —membros ou non da UE—, en Granada. Naquel evento a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, advertira aos xefes de Estado e de Goberno da "obriga" dos líderes do continente de axudar Ucraína fronte ao "uso da forza de Rusia", que "ameaza a arquitectura da seguridade construída por Europa".

Fontes diplomáticas citadas por RTVE precisan que este pacto de seguridade entre España e Ucraína comezou a fraguarse a principios de marzo e agora xa estaría rematado e aprobado o texto, que se prevé que reciba proximamente o visto e prace do Consello de Ministros mais non que pase polo Congreso, ao non ter o status de tratado internacional.