A XXX Feira do Libro de Lugo arrinca cun programa cheo de actividades literarias e musicais

Inauguración da XXX Feira do libro de Lugo
Un total de doce expositores achegan ás e aos lucenses as novidades literarias do 15 ao 20 de maio

A Feira do Libro de Lugo, que cumpre os trinta anos, celebra estas tres décadas achegando ao público lucense as novidades literarias. Nesta edición organiza un  programa de actividades que presenta como novidade principal a participación das escolas de música lucenses que amenizarán a feira a diario con concertos e espectáculos de danza, polo que tamén estiveron alí varias persoas representantes destas.

O responsábel de inaugurar a feira foi Antonio Reigosa co pregón de apertura que se desenvolveu ás 11:30 horas na praza Maior, que é, desde o 15 ao 20 de maio, o emprazamento para esta xuntanza coa mellor literatura e os volumes de divulgación. O horario de apertura é de 12:00 a 14:00 horas; polas  tardes, de  17:30 a 21:00 horas; e fins de semana e festivos, de 12:00 a 14:30 e de 17:30 a 21:00 horas.

Un total de doce postos acollen expositores de Lugo e doutras cidades galegas:  Libraría Trama (Lugo); Gran Enciclopedia Galega; Librería Cartabón (Vigo); Libraría Tanxencias Cómic; Deputación Provincial; Biblioteca Pública; Libraría Souto (Lugo); Libraría El Faro de los Tres Mundos (Lugo); Librería La Voz de la Verdad (Lugo); 7 Mares Libros e Librería Aguirre (Lugo) e a caseta de información. Son dúas casetas máis que o ano pasado, o que é un síntoma da fortaleza da feira de Lugo.