59% das teses na Universidade de Compostela son en español, 20% en inglés e 20% en galego e portugués

O castelán continúa a ser moi maioritario. Entre as 427 teses de doutoramento lidas no 2016 na USC 253 estaban nese idioma. As feitas en galego son 13% e en portugués, 7%. 

No 2016 foron lidas na Universidade de Santiago de Compostela 427 teses de doutoramento, das que a gran maioría, 59%, estaban en español, segundo os dados de O Cartafol (boletín de normalización lingüística da USC). O segundo idioma máis empregado nas teses foi o inglés, en 20% dos traballos, mentres que as feitas en galego e portugués representan 20% do total (13% en ‘galego’ e 7% en `portugués’). Máis unha vez, o castelán segue a ser a lingua predominante nos traballos con que se lles pon o ramo aos estudos de doutoramento: das 427 teses lidas o pasado ano, 253 realizáronse total ou parcialmente neste idioma.

Das 55 teses de doutoramento feitas en galego ILG, 49 teñen o galego como único idioma mentres que 5 o teñen como lingua principal mais non única do traballo. Filoloxía Galega (con 9 teses) e Ciencias da Comunicación (con 8), son as Facultades que encabezan a táboa de máis traballos feitos no idioma propio do país. Noutros 18 departamentos tamén houbo teses en galego.

Fidelización

Como indican no propio ‘O Cartafol’, “a utilización da lingua galega nestes traballos, do cal temos datos dende 1990, presenta numerosos  altibaixos; dende 2000 móvese entre 7% e 15%. Máis importante aínda é que o cruzamento de datos de solicitantes de axudas á realización de teses de doutoramento en galego dende 1994 e de utilización da nosa lingua na docencia por parte destes mesmos profesores e profesoras, revela un grao de fidelización moi elevado ao uso do galego”.