Tras 7 anos de traballo, apoios de 12.000 persoas e 110 entidades...chega o primeiro dominio de .gal

Nic.gal é desde a noite desta sexta feira o primeiro dominio de .gal activado pola Icann, o organismo internacional que xestiona a rede a nivel mundial. Supón, ademais, que a Icann delega o dominio. Que Galiza teña un dominio propio na rede está moi cerca.

 

Nic.gal é o primeiro dominio rexistrado co .gal activado polo Icann (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers), o organismo que xestiona a nivel planetario a rede. Así pois o .gal que identifica Galiza xa ten a primeira páxina. Unha páxina técnica e de probas, como lembran desde a asociación Puntogal. Un premio para todo un país que chega despois de “máis de 7 anos de traballo e sinaturas de apoio de doce mil cidadáns e 110 entidades”.

O dominio de internet para a lingua e cultura galega "avanza cara a súa posta en funcionamento"

Esta páxina supón ademais “a delegación formal do dominio e a culminación dun longo proceso apoiado por toda a sociedade galega”, segundo sinala a Asociación Puntogal.

Est asociación asinou o 7 de novembro de 2013 o contrato do dominio, que permite que a entidade galega poida tomar o control do .gal para a súa posta en funcionamento.

“Nos vindeiros días detallaranse as normas para o rexistro nas que traballou unha comision multidisciplinar por encargo da asociación. Estas normas terán caracter público e rexeranse por criterios de transparencia e equidade”.

Abrente e Carreira

Puntogal informa que o rexistro no dominio galego na Internet “comezará cun período de lanzamento repartido nas fases de Abrente (sunrise) e Carreira (landrush), para despois abrirse o rexistro ao público xeral”.

No período de Abrente as administracións públicas e asimilados terán prioridade para rexistrar os seus dominios co sufixo .gal, seguidas polas entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua ou da cultura galegas; as marcas rexistradas no Trademark Clearing House de ICANN e outras marcas rexistradas, nomes ou intereses protexidos; e páxinas realizadas ou con versión en lingua galega.

A etapa de Carreira facilitará o acceso ao rexistro .gal a rexistrantes sen dereitos ou intereses protexidos.