#8f45anos: A quenda das forzas de seguridade

@Irmandadetv

Até 22 axentes da Policía e da Garda Civil estaban chamados a declarar na segunda xornada do xuízo. A liña argumental: relacionar o acontecido aquel día con ''independentismo radical'' e ''violento''

Segundo día de xuízo a 12 persoas polos incidentes na manifestación de Galicia Bilingüe de 2009 e para as que a Fiscalía pide 45 anos de prisión. Como na primeira xornada, un forte dispositivo policial na contorna dos xulgados, desta vez mesmo impedindo á xente achegarse ate o edificio. Tamén como na primeira xornada, un grupo de persoas a mostrar a súa solidariedade e apoio para cos e coas encausadas neste proceso.

Algúns policías recoñeceron que simpatizantes de GB provocaron enfrontamentos

No primeiro día de xulgamento foi a quenda das persoas procesadas. Neste segundo, até 22 axentes das Forzas de Seguridade do Estado estaban citados a prestar declaración. Policías e anti-disturbios que naquel 8 de febreiro estaban en Santiago de Compostela. A defensa solicitou que se individualizasen os delitos para así evitar a indefensión dos detidos.

Identificados “por ser coñecidos do entorno”

Segundo o relatado por Irmandade TV (expulsa da sala por chiar o decorrer das declaracións), nas declaracións houbo policías que recoñeceran que non viran os acusados e outros que sinalaban que as imaxes empregadas tiráranas de intenet, non sendo obtidas no momento dos feitos.

Outras declaracións de axentes, como recolleu Irmandade TV, indican que se procedeu a identificar a determinadas persoas porque eran “coñecidas do entorno”. Outros recoñecen que aos encausados non se lles interviu ningún “obxecto perigoso”.

A liña argumental mantida por policías era que ese día temían actuacións violentas do “independentismo radical” e xustificaban ese vaticinio en que había pintadas e cartaces contra Galicia Bilingue.

“Non recoñecín a ninguén”

Outro axente asegura que nos vídeos non recoñeceu a ningún dos encausados, mais que si os recoñeceu o secretario “e eu asinei porque actuaba como instrutor”, afirma Irmandade TV. O propio instrutor recoñeceu que non sabía quen tomara as fotos e os vídeos.

Doce persoas enfrontan peticións totais de 45 anos de prisión e 34.000 euros de multa. O xuízo alongarase a sexta feira e mesmo pode que un día máis. A defensa pide a retirada dos cargos e a libre absolución.