ADIF recorre á '”tradición” franquista para xustificar a súa deturpación de topónimos galegos

A entidade dependente de Fomento responde a unha reclamación que “os nomes das cidades determínaos a tradición” e por iso “en ningún sentido está desaconsellado dicir El Ferrol”.

“Los nombres de las ciudades los determina la tradición. Su nombre será siendo el que empleen la mayoría de los hablantes, pero en ningún sentido está desaconsejado decir El Ferrol”. Este é un estracto da resposta que o organismo público ADIF (administrador de infraestruturas ferroviarias) deu a unha reclamación dun usuario pola utilización reiterada de toponimia deturpada por parte da compañía pública no caso de Ferrol, que se engade a moitas outras como Orense ou La Coruña, xa denunciadas noutras ocasións pola Mesa pola Normalización Lingüística.

A Mesa afirma que, máis unha vez, ADIF dá un exemplo de “desprezo non só pola tradición galega que invalida a favor da establecida no franquismo (El Ferrol del Caudillo), mesmo contra o acordo unánime do concello de Ferrol que ratificou este nome como única forma válida ao retirarlle a engádega “del Caudillo”,  mais tamén o desprezo pola lexislación que establece que a única forma válida é a galega (artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística), e o seu rexeitamento a todas sentenzas do TSXG que inciden na mesma cuestión tras accións tomadas pola Mesa”.

A MNL pregúntase se o apelo de ADIF á tradición para incumpir a lei é un argumento para todo ou só para o que se refire a Galiza e o seu idioma. Para Marcos Maceira, presidente da Mesa, os argumentos expostos pola entidade pública empresarial dependente de Fomento son propios de “quen toma por parvos os seus usuarios e usuarias e constitúen un insulto á intelixencia das galegas e galegos”.

A Mesa pola Normalización Lingüística porá este caso en coñecemento do Valedor do Pobo e da SXPL para que tomen as medidas necesarias e dirixirase a ADIF e ao Ministerio de Fomento “para que repoña inmediatamente a legalidade, sen descartar acudir aos tribunais diante da burla constante e reiterada dunha compañía pública á establecido na lexislación o que podería constituír un delito de prevaricación”.