’O alcalde pensa que o galego desapareceu de Vilanova de Arousa ou pensa en facelo desaparecer’’

A Mesa denuncia que este concello da comarca do Salnés exclúe o galego da súa páxina web.

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou esta cuarta feira que o Concello de Vilanova de Arousa non respecta a oficialidade do galego e exclúe a lingua propia do país da páxina web institucional. O Concello de Vilanova de Arousa incumpre así, indican desde a MNL, a lexislación sobre o uso do galego como lingua propia das administracións locais vulnerando os dereitos lingüísticos da veciñanza. Segundo as queixas recibidas pola Mesa, a páxina web institucional do Concello (www.vilanovadearousa.com) “exclúe completamente o uso do galego na maior parte das súas seccións e contidos, ofrecendo a maior parte da información que contén unicamente en castelán”. 

Marcos Maceira destacou que este tipo de exclusións non son casuais nin se deben a descoidos, senón que responden a unha política lingüística activa en contra do galego: “Ou Gonzalo Durán pensa que o galego desapareceu de Vilanova de Arousa ou pensa en facelo desaparecer”, sinalou o presidente da Mesa.

A asociación en defensa da lingua dirixiuse tanto ao alcalde do concello, Gonzalo Durán, como ao Valedor do Pobo para lles solicitar que o Concello de Vilanova de Arousa corrixa esta situación e cumpra a lexislación que protexe os dereitos lingüísticos da cidadanía galega.