“Alegrámonos que Gadis dea o paso para a etiquetaxe dos seus produtos en galego”
O pasado ano A Mesa mantivo conversas coa empresa nas que se mostrou un compromiso por reverter a situación, sinala MNL.
A Mesa pola Normalización Lingüística manifestou a través dun comunicado o seu contento pola contestación en redes de Gadis a un usuario que preguntaba pola etiquetaxe en galego, ao que a cadea de supermercados respondía “que pronto terían novas”.
“Queremos lembrar que en novembro do pasado ano, A Mesa mantivo conversas coa equipa de marketing de Gadis para facer realidade a etiquetaxe dos seus produtos en lingua galega”. Unhas conversas, sinala a MNL, “que concluíron no compromiso por parte de Gadis de mudar a situación para comezar a etiquetar todos os seus produtos en galego”.
No último informe da Liña, o maior número de queixas dirixidas a empresas, nas que se aglutinan vulneracións de dereitos lingüísticos, van dirixidas maiormente cara a supermercados por non rotular ou non etiquetar os seus produtos en galego.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinala como esencial que a atención prestada tamén sexa en galego. “É de sentido común que calquera persoa se poida expresar na súa lingua propia no seu propio país, e máis se se tratar dunha lingua oficial como o galego”.
Maceira apuntou que “se garantimos o dereito a termos atención en galego en calquera lugar, tamén estamos garantindo o mantemento de postos de traballo na nosa terra“.