Como dicilo?

De alimentación e restauración

Chícharos, pericos, ervillas

 

A variedade de denominacións para os mesmos produtos da natureza -quer especies vexetais quer animais- é habitual en todo o mundo dentro dunha mesma área lingüística. Coa ampliación dos intercambios vaise reducindo esa variedade e téndese moitas veces a fixar unha forma común. Así acontece, por exemplo coas  diversas denominacións galegas do pisum sativum  (chícharo, perico, ervilla/ervella, etc), algunhas delas en perigo de desaparición. Subsisten, con todo, diferenzas zonais, por exemplo as dalgúns nomes de peixes ou mariscos entre as Rías Altas e as Baixas (meiga fronte a rapante, mincha fronte a caramuxo, etc). O peor da desaparición da variedade de nomes é cando se intenta impór a denominación non galega: guisante, gallo ou bígaro.

Por iso non temos senón que felicitarnos pola existencia dun útil Dicionario de alimentación e restauración que -elaborado por un equipo de lingüistas (Inés Veiga, Sandra Romarís, Mª Jesús Paz e Marta Duyos) coordinado polo académico Manuel González- se nos ofrece para consultar e imprimir no portal web da Academia Galega. Este dicionario, utilisima ferramenta para empresas e tendas de alimentación e de restauración e mesmo para particulares, ofrece unha explicación de tres mil conceptos fornecendo aproximadamente tres mil seis centos nomes galegos coa súa correspondencia en español e en inglés. Alí establécense as formas correctas en galego como por exemplo dourada e non dorada, compango e non montado ou montadito, cornete e non cucurucho, lumbrigante e non bogavante, marmelo e non membrillo, pebida e non pepita ou soro e non suero.

Utilizando as nosa formas auténticas e tradicionais (un groliño, non un chupito; rustrir, non sofreír ou pochar, etc.) evitaremos a invasión de termos foráneos e perpetuaremos o noso tesouro léxico nunha área particularmente rica como é a dos produtos da natureza e a gastronomía.

Sería ben que os responsábeis da Xunta e dos Consellos reguladores de certas denominacións de orixe consultasen este dicionario para restituíren os nomes galegos correctos.  Aínda que, mesmo sen dispor desta práctica axuda, calquera sabe que a denominación galega, a da orixe, é augardente e non orujo e mais tenreira, vitela, xata (ou outro sinónimo) e non ternera.  Mais non se trata só de ignorancia senón fundamentalmente de menosprezo á nosa lingua. Eu sospeito que se os tales responsábeis tivesen sabido no seu día que o noso grelo é realmente en castelán grillo (non é brincadeira) teriamos como denominación de orixe Grillos de Galicia. Porque xa temos visto un Desván de los Monjes!