Avaliar o cumprimento en Galiza da Carta Europea das Linguas cun ollo tapado e outro sen abrir

A CTNL denuncia que o Comité de expertos sobre linguas minoritarias que visita Galiza non ten en conta o coñecemento nin a opinión d@s técnic@s  que traballan no día a día no proceso de normalización lingüística.

O Comité de expertos sobre linguas minoritarias vai manter unha reunión esta segunda feira en Compostela con varias entidades para avaliar o grao de cumprimento da Carta europea por parte da Xunta no período 200-13. Porén, nesa xuntanza non se vai ouvir a opinión nin as consideracións nin as achegas d@s técnic@s de normalización lingüística.

"Somos quen xestionamos o proceso de normalización no día a día (...), coñecemos moi ben a situación"

A CTNL (Coordenadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización Lingüística) considera “curioso, e tamén preocupante” que non se vaia escoitar a versión de “persoas expertas que coñecen moi ben a situación sociolingüística do día a día e de primeira man desde un punto de vista técnico”. Deste xeito, Nel Vidal, presidente da CTNL, sinala que “é un erro que empobrece o informe do Comité de Expertos, pois ao ser a CTNL unha entidade que reúne as persoas que no día a día traballan en normalización lingüística desde diversas entidades, ámbitos e zonas, poderiamos achegar datos, información e opinións valiosas para que ese informe fose o máis completo e obxectivo posible”.

Unha visión que achega, non resta

“A visión dos técnicos e das técnicas complementa a información, visión e opinión desas outras entidades convocadas”, pois, indican, “somos quen xestionamos o proceso de normalización no día a día en entidades como concellos ou universidades, en ámbitos como a administración ou empresas, e xestionando accións de formación, de dinamización ou de asesoramento e que, polo tanto, coñecemos moi ben a situación, os problemas concretos ou as cousas que hai que mellorar nas diversas zonas do país e nos diversos sectores e ámbitos sociais”.

Visión parcial do goberno

Desde a CTNL tamén lamentan a “parcialidade” do apartado sobre o galego do informe previo que elaborou o Estado sobre a situación lingüística de Galiza, onde “o goberno non recoñece practicamente ningún problema e pinta unha situación case ideal, moi afastada da realidade”, polo que “xusto por ese motivo sería aínda máis importante que o Comité de Expertos europeo contase co coñecemento real da situación que pode achegar a CTNL”.

A Mesa presenta esta terza o seu informe

ola súa parte, esta terza feira, a Mesa pola Normalización Lingüística presentará publicamente e disponibilizará o informe arredor da situación do galego que defendeu diante do comité de expertos. Ensino, Xustiza, Administracións Públicas, Cultura, Relacións Internacionais e Economía foron os ámbitos nos que a asociación presentou o seu balance do proceso de normalización lingüística no que se destacou o grande retroceso dos últimos anos. 

A Mesa mostrou diante da Comisión a súa sorpresa por non teren sido convidados colectivos como a CTNL, a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística, o CELGA ou a Asociación de dobradores e dobradoras e, en resposta ás preguntas dos expertos, denunciaron que nin a Xunta nin o goberno do Estado contara coa entidade -a asociación cultural de maior número de socios con dedicación á normalización da lingua- para a elaboración dos seus informes. Tamén informaron de que, a pesar da actividade que desenvolven, non reciben ningún tipo de subvención nin da Xunta nin do Estado.