O PSdeG reta o PP a apoiar que o galego sexa oficial na UE "en cuestión de meses"

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares e o secretario xeral do PSdeG de Compostela, Aitor Bouza. (Foto: César Arxina / Europa Press)
"Os socialistas podemos falar con feitos: somos o partido que levou o galego ao Congreso e que quere levalo tamén ás institucións europeas", di o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

O eurodeputado do PSOE Nicolás González Casares apelou esta sexta feira a que o galego sexa lingua oficial nas institucións da Unión Europea e dixo que, se o PP o apoia, isto será unha realidade "en cuestión de meses". Así o asegurou o candidato galego ás eleccións europeas —número 11 na lista socialista— en declaracións aos medios xunto ao secretario xeral do PSdeG en Santiago de Compostela, Aitor Bouza, antes de participar na tradicional manifestación a favor do idioma convocada pola plataforma Queremos Galego polo 17 de maio, Día das Letras Galegas.

González Casares apelou a "avanzar" en dereitos lingüísticos fronte ao "retroceso" que sofre o galego e que achacou "aos gobernos do PP". Neste sentido, despois de que esta semana o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, chamase a alcanzar un gran pacto polo idioma no Parlamento, os socialistas replican que "son eles", os populares, "os que teñen que volver ao consenso".

Así, criticou o decreto do plurilingüismo no ensino aprobado pola Xunta en 2010 —con Alberto Núñez Feixoo á fronte—, porque fixa que as aulas deben impartirse a partes iguais en castelán, galego e inglés. O eurodeputado exixiu a derrogación deste decreto e instou o PP a aproveitar a "oportunidade moi sincera" que ten de apoiar iniciativas polo recoñecemento do idioma propio da Galiza, igual que o catalán e o euskera, nas institucións europeas.

Segundo reivindicou, isto foi impulsado polos socialistas en Europa despois de permitirse o emprego das linguas cooficiais no Congreso español. "Por tanto, ante estas eleccións europeas, reivindicamos firmemente o papel e o rol e a defensa do galego en Europa, en Bruxelas, porque nós (o PSdeG-PSOE) somos o partido que fai Europa desde Galiza, e ímolo seguir facendo os próximos cinco anos", concluíu.

Besteiro ve "máis necesario que nunca" abordar un pacto en defensa do galego

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou esta sexta feira que a defensa do galego "é hoxe máis necesaria que nunca", e argumentou que a súa formación foi a primeira en "ofrecer un gran pacto pola lingua", en referencia á recente proposta feita a este respecto polo conselleiro de Cultura, José López, no Parlamento galego.

Besteiro, que asistiu no Teatro Colón da Coruña ao acto institucional de homenaxe a Luísa Villalta, destacou "o xusto recoñecemento a unha autora con maiúsculas, unha escritora que sempre defendeu o noso idioma e fíxoo cunha liberdade creativa que 20 anos despois do seu falecemento segue tan viva como o primeiro día".

O tamén portavoz do grupo socialista no Parlamento galego lembrou que o pasado 11 de abril, con motivo da sesión de investidura do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o PSdeG "adiantouse a ofrecer un gran pacto pola lingua co fin de reverter a continua e preocupante perda de falantes das dúas últimas décadas".

"Os socialistas podemos falar con feitos: somos o partido que levou o galego ao Congreso e que quere levalo tamén ás institucións europeas", defendeu, e desexou "non estar sós nese camiño, porque se non coidamos a nosa lingua, perdemos un dos nosos principais sinais de identidade".