BNG lembra ao secretario xeral de Política Lingüística os constantes “incumprimentos” da Xunta

Ana Pontón

Valentín García informou no Parlamento do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020. A deputada nacionalista Ana Pontón amosou as súas dúbidas sobre a vontade de cumprimento dese plan á vista da vulneración “de acordos e leis” en materia lingüística pola Xunta.

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, informou no Parlamento de Galiza do 'Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020', un plan sobre cuxo cumprimento o BNG xa expresou as súas dúbidas por boca da deputada Ana Pontón. A parlamentar nacionalista lembrou os “moitos acordos” incumpridos nesta materia polo Partido Popular e cualificou de “burla” ao sistema democrático que o Goberno “vulnere sistematicamente os acordos e as leis”.

Ademais, Pontón tamén fixo referencia aos “incumprimentos” dos mandatos establecidos por lei e dos acordos parlamentarios entre os que destacou a obriga do Goberno de remitir ao Parlamento un informe de avaliación da lei Paz Andrade que substituíu, dixo,  por unha comparecencia que non achegou ningún dato nin información. O Goberno, recalcou Pontón,  incumpre a lei ao igual que incumpre o Plan de Normalización Lingüística aprobado no ano 2004 aprobado por unanimidade e coa obriga da Xunta a establecer “mecanismos de seguimento, control e avaliación informando con regularidade ao Parlamento”, afirmando que “levamos toda unha lexislatura sen cumprir con esta resolución”. O Plan presentado polo secretario xeral é “un corta e pega” do presentado no ano 2004, dixo a parlamentar, co agravante, puntualizou, que non conta  “cunha memoria económica financeira”. Onde se aprobou este plan e con que contía  preguntou a deputada porque acaban de ser aprobados os Orzamentos e non existe ningún incremento na Secretaría de Política Lingüística para o plan presentado nesta terza feira.

O BNG reiterou que o PP “aínda non rectificou” un discurso que lle  fixo moito dano a lingua galega, “agresivo e que pon a vítima como verdugo” ademais de alimentar os prexuízos contra o galego argumentando que todas  as medidas no ámbito da normalización lingüística “son unha imposición” e que poñen en perigo o  castelán na Galiza.

84 medidas

O secretario xeral de Política Lingüísticadefendeu as 84 medidas propostas pola Xunta no Plan de Dinamización do galego no ámbito económico, que cualificou de "realistas", e avanzou que a previsión é destinar a este proxecto máis de 6,3 millóns de euros até 2020. Valentín García informou que a participación de 314 entidades na conformación deste texto.