Cal cres que é a mellor conta de twitter en galego?

Organizado pola iniciativa 'Twitter en galego', está a ter unha gran acollida nas redes. O gañador darase a coñecer o 17 de maio, Día das letras galegas.

Cal é a mellor conta de twitter en galego? Esta é a pregunta que fan desde a iniciativa 'twitter en galego' no 'Premio á conta 2016'. O concurso comezou o 26 de abril e rematará o 17 de maio. Abrirase unha primeira rolda que consistirá en recoller todas as propostas que envien os usuarios e usuarias de Twitter a través dun formulario que se pode mandar por mail. Só se aceptará unha proposta por enderezo electrónico e aquelas contas que cumpran os requisitos de participación. Este proceso durará ata o 7 de maio.

As tres contas máis mencionadas pasarán a unha segunda rolda onde un xurado elixido pola iniciativa escollerá a conta que máis crea conveniente segundo seu criterio. A conta gañadora darase a coñecer o 17 de maio coincidindo co Día das Letras Galegas. Poderán participar todas aquelas contas que empreguen a lingua galega na maioría das súas publicacións ( máis do 80% de chíos en galego).