Cal é a palabra galega máis antiga?

Montañas de Trevinca (Foto: Turismo da Galiza).

O galego naceu arredor do século IX d.C como consecuencia da evolución do latín na Gallaecia romana sobre unha base de diferentes falas celtas e paraceltas. Ten palabras con centos de anos de existencia.

Cal é a palabra galega máis antiga? A pregunta tense formulado moitas veces na procura dunha resposta que sinale aquela verba ou vebas en concreto que poida pór a medalla de ser a máis vella da lingua galega.

Unha desas preguntas formulouse no programa ‘Ben falado’ que no seu día emitía a TVG. Un microespazo divulgativo de cinco minutos diarios dedicados á lingua galega , dirixido e presentado polo lingüista, latinista e escritor Xesús Ferro Ruibal.

“A palabra máis antiga” titulábase un dos capítulos, onde Ferro Ruibal afirmaba que era “imposíbel” determinar cal era a palabra con máis anos da nosa lingua, se ben si que hai “milleiros” de verbas con “milleiros [de anos] de antigüidade”.

Palabras antigas que proceden tanto da liña latina (can, lobo), como da pre-latina, como as célticas bidueira, centola ou croio, citaba; ou as pre-celtas lama e mata. “O uso das palabras pre latinas é máis antigo que a das latinas, que entre nós non comezou até o século II antes de Cristo”, lembraba este programa.

No mesmo programa, tamén se indicaba que da “competición pola antigüidade excluímos todo canto, latino ou non, responda a procesos culturais recentes”. Por exemplo, apuntaba, o léxico agrícola ou gandeiro, de orixe neolítica; ou o dos metais, máis novo. Situaba aí as palabras célticas seara ou embelga; ou as latinos arado e ferro”. “Son miles as palabras nosas con miles de anos de vida”, concluíu. Mais era imposíbel determinar, entre elas, cal era a máis antiga.

E as máis novas?

O Seminario de Lexicografía da Academia sumou en abril unhas 40 voces novas ao glosario oficial da lingua galega, ao que tamén se engadiron novas acepcións de palabras e melloras na redacción doutra vintena de vocábulos e expresións. Algunhas delas, incorporadas agora, levaban moitos anos usándose en galego.

'Anicamento', 'birimbao' ou 'escaleta' son algunhas das novas entradas que foron incorporadas na última actualización do Dicionario da Real Academia Galega (RAG).
Tamén se suman outras voces relacionadas co mundo do deporte como 'haltere', que designa a barra de discos, ou 'vólei', que xa figura no dicionario como sinónimo de 'voleibol' e 'balónvolea'.