Cales foron as palabras galegas máis repetidas este mes no dicionario da RAG?
Se ben é certo que son moitos os colectivos, como por exemplo A Mesa pola Normalización Lingüística, que loitan pola igualdade do galego con outros idiomas oficiais e pola presenza do mesmo en todos os ámbitos, aínda hai moita xente que ten que procurar palabras que a priori parecerían sinxelas para usalas no seu vocabulario.
Nestas semanas nas que a lingua da Galiza se reivindica como necesaria e enriquecedora en plataformas audiovisuais de todo tipo e cando os cancelos "#profundamentegalega" e "profundamentegalego" inundaron as redes sociais, aínda hai cuestións que sorprenden no que ao idioma se refire.
Quizais por eses pasos atrás dados pola lingua no ensino no país, referendado polos estudos realizados pola propia Real Academia Galega (RAG), quizais porque a conquista das redes de moda -Instagram, TikTok...- por parte de creadoras e creadores galegos convida a aprender algunhas palabras, o dicionario da RAG amosa unha peculiar listaxe dos termos máis buscados.
Tanto na última semana como no último mes "pene" situouse como o termo máis procurado no dicionario en liña, seguida por "busca".
Aliás, nestes días a xente quixo saber o significado exacto de "babeco", a escritura correcta de "tsar" e o que recolle a RAG sobre un dos saúdos máis utilizados: "Ola".
Na procura de "crecho" ou de "camión", atopou o seu espazo "zombi", se cadra polo feito de que estaban perto as celebracións do Samaín e volveron ás plataformas audiovisuais os filmes do xénero.
Entre as maiores demandas do mes tamén se repetiu "babeco", mais tamén se quixo saber que quere dicir o adverbio, preposición ou interxección "fóra".
As e os curiosos, galegos ou non, tamén consultaron palabras como "presa", "louro", "decontado" ou "varudo", que vén sendo un adxectivo daquela ou daquel "dotado de forza física e vigor, capaz de realizar grandes esforzos", entre outras.