Carballo incrementa a dotación do premio do certame de artigos xornalísticos sobre o galego

Borxa Tenreiro, gañador da XII edición

Será nesta XIII edición de 1.250 euros, para alén da difusión nos nove medios de comunicación que colaboran con esta iniciativa, entre eles Sermos Galiza.

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo convoca a XIII edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame que ten por obxectivos promover a reflexión sobre a situación social do galego, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma e promover o seu uso na prensa.

A cuantía do premio económico incrementa nesta edición até 1.250 euros, para alén da difusión nos diversos medios de comunicación colaboradores coa iniciativa: Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos.

Calquera persoa que queira pode presentarse a este certame. Debe escribir un artigo de entre 1.800 e 3.300 caracteres e entregalo ou envialo ao Pazo da Cultura de Carballo ata o 17 de abril de 2017. Nese artigo pode falar sobre a situación sociolingüística do noso país, o fomento da lingua galega, o seu estatus, o argumentario a prol do uso do galego, a lexislación e os dereitos lingüísticos, experiencias sociolingüísticas concretas, propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego,...

As bases completas poden consultarse no sitio web do Concello de Carballo ou no BOP da Coruña do 7/3/17. Tamén se pode obter máis información no Servizo de Normalización Lingüística, no teléfono 981 704 304.

En edicións anteriores foron premiados Xurxo Carballido, Olga Patiño, Ana Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures ou Borxa González Tenreiro