Os concellos que maltratan a lingua

Baiona

O galego é a lingua oficial dos Concellos, segundo se recolle na Lei de Normalización Lingüística. Porén, son moitos os ataques á lingua que proceden das institucións locais, fisicamente ás máis próximas á cidadanía e cun efecto directo no proceso de normalización. Achegámonos ás máis recentes denuncias que poñen á vista actitudes dalgúns dos máis belixerantes coa nosa lingua.

 

A CORUÑA. A estela de Paco Vázquez continúa no goberno de Carlos Negreira que perpetra continuos ataques á lingua na súa acción de goberno. No catálogo de incumprimentos da normativa vixente, A Coruña suma denuncias pola exclusión da nosa lingua en campañas desenvolvidas polo concello, queixas por non ter documentación administrativa en galego ou mesmo pola deturpación do topónimo, co emprego do logotipo ilegal “La Coruña”. No pasado mes de Novembro, a Mesa presentou unha queixa perante o Valedor do Pobo pola campaña na que incumpría a lexislación sobre o uso do galego, empregando o topónimo ilegal en distintos soportes. Co programa “Coruña Wapa”, Negreira sucumbiu de novo en todos os atentados posíbeis á lingua con carteis co logotipo “Ayuntamiento de La Coruña”. “O varrido do uso do galego por parte do Concello da Coruña é total desde a chegada de Negreira á alcaldía, desprezando non só a lexislación, senón os milleiros de coruñesas e coruñeses galegofalantes que son ignorados desde o seu propio Concello e, tamén, contrariando a opinión de todas as persoas da Coruña que falan castelán mais que aman a nosa lingua e desexan que non sexa discriminada”, denunciou Carlos Callón.

 

VILAGARCÍA­. O concelleiro de Tráfico de Vilagarcía, Ángel Benito Dorgambide, chegou a desprezar a nosa lingua nun pleno municipal no que afirmou que falaría galego “cuando me salga de los puntos suspensivos”. A saída do concelleiro producíase despois de os edís do BNG reclamaren unha resposta pola tradución ao castelán dunha peza da banda de música. A agrupación interpretara a peza “Os héroes do Orzán” de Antón Alcalde traducida do galego orixinal. O Concelleiro de Cultura de Vilagarcía, Francisco González, xustificara o acontecido alegando a “autonomía” da banda. Responsábel tamén de normalización lingüística, Francisco González intervén en castelán nos plenos e mesmo en certas ocasións mostrou a súa negativa a mudar de lingua ao se lle lembrar que era responsábel da área que tiña que velar polo uso do galego. Cartelería en español tampouco é difícil atopar no consistorio vilagarcián.

 

MUROS. O asesor xurídico foi denunciado por uns veciños aos que lles impediu que empregasen a nosa lingua en dependencias municipais. O concello respondeu aprobando unha moción contra a ordenanza municipal do uso do galego. A moción non se impón formalmente á ordenanza municipal nin ás leis que protexen o uso do galego, mais deixou en evidencia a resposta do goberno municipal perante un caso de persecución da lingua.

 

A LARACHA­. A sección local da Mesa pola Normalización Lingüística rexistrou un escrito no concello de Laracha reclamando a modificación de rótulos que deturpan a nosa lingua substituíndo “Miradoiro” por “Mirador” e “Centro urbán” por “Centro urbano”. “Este é un exemplo máis de desleixo por parte do goberno local á hora do uso do galego que trata o galego como lingua vulgar e de segunda categoría”, denunciaron.

 

BAIONA­, O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña estase a descubrir como un dos rexedores municipais máis belixerantes co galego. O pasado 16 de novembro protagonizou unha singular inauguración dunha infraestrutura deportiva que presentou publicamente co nome “Pavi­be­llón” nunha imposíbel intención de converter unha palabra en bilingüe. O alcalde utilizou exclusivamente o español na súa intervención no acto no que participaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e outros cargos políticos do PP.

 

MARÍN­. Queremos Galego Marín rexistrou no concello un escrito no que rexeita a sinalización de determinadas rúas nas que se incumpre a ordenaza de normalización lingüística do Concello e a lei de Normalización Lingüística. Os letreiros de “Calle Pumariño” ou “Calle Cortiña da Bouza” alertaron a entidade que nunha inspección do rueiro atopou máis casos de españolización das rúas. Denunciaron tamén que o Concello expide documentación, caso do empadroamento, redactada só en español.

 

A GUARDA e SADA­. A Guarda ou Sada son dous dos concellos que tamén excluíron neste verán o galego dos seus programas de festas e incumpren a Lei de Administración Local ao respecto do uso do galego como lingua oficial.

 

O BARCO DE VALDEORRAS­. Un concelleiro do BNG está convidado a oficiar un casamento. Diríxese ao concello para solicitar a acta que tiñan que asinar os contraentes. Ao estar en castelán, reclama o documento en galego. “Pues no tenemos ninguna en gallego, tiene que ser en castellano. Esto es así, siempre fue así. ¿No ves que esto te es para el juzgado?”, foi a resposta que obtivo da funcionaria encargada do trámite. Topónimos deturpados en folletos da Concellaría de Turismo, exclusión da nosa lingua nos escritos da Policía Local ou o mínimo uso na atención á cidadanía son outras das eivas e ilegalidades en materia lingüística do Barco de Valdeorras.

 

COMPOSTELA. O da capital galega chegou a ser un concello pioneiro en materia de normalización lingüística co goberno bipartito presidido por Sánchez Bugallo e a xestión do BNG. Coa chegada do PP, en primeiro lugar con Conde Roa, a situación apuntaba mal ao xa se presentar publicamente a concelleira da área en español. Porén, os nacionalistas reaxiron e anunciaron que farían un ferreño seguimento da cuestión e Compostela non se pode situar polo de agora á beira de Baiona ou A Coruña. Malia iso, a ordenanza que indica que calquera empresa u entidade que contrate co Concello ten que facer a súa comunicación en galego estase a incumprir e na Mesa chegaron xa varias queixas da veciñanza por teren recibido facturas e comunicacións de empresas concesionarias municipais en español.