A D.O. Queixo Tetilla organiza un concurso de palabras galegas en castelán

Imaxe da D.O. Queixo Tetilla

Hoxe remata un concurso que organiza na rede a Denominación de Orixe Protexida Queixo Tetilla no que busca as 10 palabras máis fermosas do galego en perfecto castelán. 

O Consello Regulador desta Denominación de Orixe, organismo integrado na Consellaría de Agricultura que utiliza sempre o español nas súas publicacións en redes sociais, organizou este maio un concurso -titulado "En galego"- no que convidaba a buscar as 10 palabras máis bonitas da nosa lingua. Os e as participantes poden gañar unha estancia de dúas noites no Parador dos Reis Católicos en Santiago. 

Para animar a participación publican mensaxes na súa páxina de Facebook onde afondan no uso ritual da lingua, do tipo "No queremos dar pistas pero, ¿nunca te han dicho lo “riquiña” o “riquiño” que eres?. Si es que el gallego tiene un montón de palabras de uso cotidiano que seguro te encantan". Ou "Si hay algo de lo que nos gusta presumir, es de nuestro origen 100% gallego". Ou "estamos seguros de que has oído, conoces o incluso utilizas alguna palabra en gallego. Porque nuestro idioma es universal y gusta a todo el mundo, como nuestro queso". 

A reacción dos internautas non se fixo agardar e nos comentarios das últimas semanas houbo reaccións de todo tipo, desde os que os acusaban de "hipócritas", "incoherentes", "patéticos" ou "colonizados" até os que usaban a retranca propoñendo verbas como "Sanjenjo", "ajóujere", "morrita" ou "Panjón", ou dicindo "Todo sea por las bonitiñas letriñas galleguiñas". 

Aínda así, no concurso participaron 266 persoas, coas propostas habituais nestes casos, como riquiño, bico, bolboreta, morriña, lembranza, agarimo e, como non neste ano de Celta europeo, afouteza. As dúas verbas con máis posibilidades son morriña e riquiña/o, promovida polos propios organizadores.