O 'Defensor del Pueblo' pede explicacións á policía española polo veto a galegofalantes o Día da Patria

[Imaxe de arquivo: Maia]

A institución respondeu unha queixa de Dereitos Civís en que denuncia como lles fora impedida a entrada no casco vello de Compostela ás persoas que se dirixían á policía na nosa lingua. 


A resposta demorou seis meses mais, finalmente, chegou. O 'Defensor del Pueblo' dirixiu un escrito á dirección xeral da policía española para pedir explicacións sobre os feitos acontecidos a noite do 24 de Xullo de 2013, cando varias persoas denunciaron que a policía española lles vetara o acceso ao casco vello de Compostela por lles falaren en galego. 

Aliás, relataron tamén varios casos en que a entrada non lles foi permitida porque portaban simboloxía nacional e que até chegaron a rexistrar os petos e as mochilas d@s afectad@s, moz@s na súa maioría. Após coñecer o acontecido, o movemento Dereitos Civís dirixíu unha queixa ao Valedor do Pobo, quen a derivou ao 'Defensor del Pueblo'. 

Na queixa elevada ao Valedor, Dereitos Civís daba conta de que as discriminacións e as limitacións do dereito de deambulación relacionadas coa lingua ou coa simboloxía nacional --ora autocolantes ora bandeiras coa estrela vermella-- eran "habituais" na véspera e no propio Día da Patria, derivando en "actuacións discriminatorias" da policía. 

Este 2013 polo menos 10 persoas foron testemuñas destas prácticas, informando de que @s galegofalantes optaron por atravesar un bar con entrada á zona vella e á zona nova para poder acceder ao casco antigo compostelán. Non é o primeiro expediente que chegou até as dependencias do Valedor do Pobo a respeito da disciminación da nosa simboloxía propia:despois de se rexistraren varias denuncias, tamén investigou este proceder nos estadios deportivos.