Denuncian coaccións do presidente da Deputación da Coruña por usar o galego na institución

Deputación da Coruña

A Mesa pola Normalización Lingüística trasladou ao Valedor do Pobo o caso dun traballador que foi presionado para facer os informes en castelán. Denuncian que o presidente Diego Calvo incumpre a lexislación de forma premeditada 

A Mesa pola Normalización Lingüística ven de recoller a denuncia dun traballador da Deputación da Coruña que foi presionado polo presidente popular da institución, Diego Calvo, por utilizar o galego no traballo. A asociación para a defensa do galego puxo este feito “extremadamente grave” en coñecemento do Valedor do Pobo.

“Se Diego Calvo non asume que o galego é a lingua propia da Deputación e o que iso significa debe dimitir do seu cargo. A Deputación da Coruña non merece un presidente que minta con descaro nun escrito oficial para xustificar a persecución do galego”, asegura a Mesa nun comunicado.

Segundo a versión da asociación, o funcionario da Deputación recibiu instruccións dos seus superiores para que utilizara o castelán no rexistro interno da institución. O traballador solicitou nun escrito que se lle aclarase se existía en qué punto da normativa establecíase esa restricción.

Foi o propio presidente da Deputación coruñesa quen lle respondeu, asegurando que “é a Deputación a que ten a competencia de adoptar esa decisión, non os traballadores ao seu servizo”.

Desde a Mesa acusan a Diego Calvo de mentir ao utilizar o artigo número 1 da Lei 5/1988 para xustificar as súas accións. A este respecto, recórdanlle que a normativa, que se completou coa Lei 5/1997 da Administración Local de Galiza, recolle a obligatoriedade de que o galego sexa a lingua de referencia en calquera documento oficial, así como reiteran outras normativas como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. 

A asociación en defensa da lingua lembrou que os incumprimentos da lexislación por parte da Deputación da Coruña son premeditados e constantes desde que Diego Calvo preside a institución, como denunciou A Mesa a respecto de varias campañas institucionais nas que se exclúe completamente o uso do galego.