Educación, dereitos e identidade: as linguas minorizadas reclaman avances na promoción dos sistemas de inmersión

Elsa Quintas, Elin Haf Gruffydd-Jones, Iria Taibo e Davyth Hicks. (Foto: Nós Diario).
A vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas, participou este sábado, 15 de xuño, nunha conferencia internacional de alto nivel na que se debateron novas estratexias para avanzar na protección da educación en linguas minorizadas e no fortalecemento dos dereitos lingüísticos.

A conferencia 'Protexer a educación en linguas minorizadas, fortalecer os dereitos lingüísticos: Como avanzar?',  organizada pola Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) en colaboración con Catesco e Omnium Cultural, tivo lugar en Barcelona e contou coa participación de altos representantes do Consello de Europa, da ONU e da Unesco.

Elsa Quintas, acompañada da deputada do BNG Iria Taibo, compartiu mesa e xornada de traballo con membros de entidades en defensa das linguas de Catalunya, Euskadi, Bretaña, Irlanda, Frisia, Illes Balears e País Valencià.

Representantes da sociedade civil das organizacións membros de ELEN discutiron as súas ideas e experiencias cos modelos de educación lingüística minoritaria e a garantía dos dereitos lingüísticos dentro de diferentes marcos legais e políticas públicas a partir dos desafíos particulares que enfrontan.

Ensino en galego

O encontro puxo de manifesto a diversidade que acolle o Estado español en canto a realidades lingüísticas. "Estamos baixo a mesma lexislación no que ten a ver co marco normativo xenérico mais as competencias en educación están transferidas e iso fai que a realidade lingüística nos Països Catalans, en Euskadi e Galiza sexan moi distintas", afrima Elsa Quintas.

Os datos revelan que a educación en galego está a ser moi deficiente

A vicepresidenta da Mesa centrou a súa intervención na situación do galego no ensino. "Os datos revelan que a educación en galego está a ser moi deficiente. Hai case un 24% de nenos e nenas que se autoperciben incapaces de falalo. Hai unha falta de competencia que eles mesmos reflicten".

Esta constatación, sinala Quintas en conversa con Nós Diario, debería levar a unha revisión do actual sistema educativo como A Mesa pola Normalización Lingüística ven denunciando desde a aprobación do decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino. "É unha evidencia que non está funcionando, no sentido de que ao finalizar os estudos obrigatorios a rapazada non ten competencias orais e escritas nas dúas linguas oficias. E son eles e elas mesmas quen o din. Son datos oficiais".

Cohesión social

Esta falta de competencia en galego conduce a unha perda de "cohesión social". Elsa Quintas fala de "fragmentación" dentro da propia comunidade lingüística, "xa que quen non está exposto a unha lingua e non a aprende, non a domina. Non pode escoller nin vai poder falala".

Reverter esta situación é urxente. "Se non removemos e desbotamos os obstáculos isto terá consecuencias para o colectivo", para toda unha comunidade que se ve privada do cumprimento dos seus dereitos lingüísticos.

Tomando como referencia o caso de Catalunya, as relatoras analizaron os programas de educación e inmersión no uso normal das linguas minorizadas na sociedade. "Aínda que son moi críticos, o sistema catalán estaba a dar os seus froitos, até o punto de que unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña declarou firme a obrigatoriedade dun 25% de castelán nos colexios cataláns. Esta decisión, política, demostra que a inmersión lingüística que se practicaba no ensino catalán achegaba bos resultados, con nenos e nenas catalanfalantes".

Identidade e lingua

Por outra parte, Elsa Quintas destacou a identificación entre lingua e identidade que Nicolas Levrat, relator especial das Nacións Unidas sobre Cuestións das Minorías, gabou na intervención  "e que na Galiza se traballa moi pouco, talvez por ser unha sociedade moi homoxénea, sen unha migración tan potente como presenta Catalunya".

As linguas non separan senón que facilitan a inclusión, reforzan o sentimento de pertenza a unha comunidade

Na Galiza, reflexiona Quintas, non se traballa ese discurso de identidade, "que tamén é de integración, de normalización".

A lingua é un signo de identidade e de inclusión, afirma a vicepresidenta da Mesa, "e é algo que temos que ver como positivo". Quen chega de novo a un territorio distinto de seu o que busca é integrarse e a lingua pode favorecer esa situación, "ao contrario do que nos din quen rexeitan a inmigración e recorren unha e outra vez ao discurso da imposición: as linguas non separan senón que facilitan a inclusión, reforzan o sentimento de pertenza a unha comunidade e atenden a necesidade humana de ter arraigo e unha identidade tamén lingüística".

Bilbao, 2024

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) celebrará en novembro en Bilbao a súa asemblea xeral.

Este sábado, en Barcelona, as socias aproveitaron o encontro para fixar os asuntos que debaterán nesa cita anual e tamén para actualizar a situación das linguas dentro do comité. "Son moitas as linguas que comparecen e non sempre todas sabemos do que sucede con elas dentro e fóra dos seus territorios", apunta Elsa Quintas.

Nunha sesión presidida po Elin Haf Gruffydd-Jones, presidenta de ELEN, e Davyth Hicks, secretario xeral da entidade, Galiza deu conta das últimas mobilizacións cidadás en defensa da lingua e da oficialización do galego na Unión Europea.

De cara ao inverno, educación, normativa e dereitos lingüísticos volverán estar na axenda das linguas minorizadas e as súas representantes ante a sociedade civil.