Excepcional
Excepcional, extraordinario, extremado, explosivo.
En galego, con frecuencia expresamos a nosa sorpresa, a nosa admiración –se cadra tamén a nosa contrariedade ou a nosa indignación- mediante un tipo de exclamacións que forman unha serie moi ampla. Formámolas a partir do verbo mandar : Manda truco ! Manda mecha ! Manda castaña ! Manda carai ! Manda chover ! e outros máis.
Se ben o pensamos, estas exclamacións remiten a unha que contén unha palabra considerada « vulgar » : Manda carallo ! E, como non se considera socialmente correcta, nunha situación algo « coidada » substitúese na expresión esa palabra por outra. A palabra nova pode substituír á desprazada por dous procedementos : a) por semellanza co obxecto evocado, como en Manda nabo ! Manda mecha ! (evócase aquí un cartucho de dinamita) ou b) por semellanza co son da palabra « vulgar », caso de Manda carai ! Manda catano ou Manda castaña !
De creada a serie, estes procedementos de eufemización esváense moitas veces e non se dá explicado doadamente a orixe, como acontece, por exemplo, con Manda calor ! Manda truco ! ou Manda forza ! Ao final quedamos coa noción que interesaba : caracterizar un acontecemento extraordinario, insólito : Manda chover na Habana !
Podemos incorporar este asombro ou indignación a frases afirmativas para indicar a intensidade :
Mira ti que manda truco / Vai unha calor que manda forza/ É dun violento que manda nabo.
E de moito nabo, de moito raio, de moito catano, de moito pentello (transformado ás veces en pendello) e outras expresións dese tipo convértense tamén en eufemismos ponderativos, tamén marcadas por un destino « coloquial » pois tense presente a palabra que está detras delas.
En español, para sinalar a boa calidade, o excepcional dunha acción, cousa ou persoa, utilízase moito ultimamente a comparanza como la copa de un pino, por exemplo en Es un jugador como la copa de un pino. Unha boa equivalencia en galego sería utilizar a expresión de moito rosmillo (É un xogador de moito rosmillo).
O que nunca poderiamos empregar é a tradución literal do castelán dicindo É un xogador como a copa dun piñeiro.
Nin mesmo que –encomendándonos ou non a Pondal- digamos a copa dun pino.