O Goberno español pide á Presidencia da Eurocámara que permita o uso do galego nese órgano

Europarlamento. (Foto: UE)

O ministro de Exteriores solicitou tamén unha reunión con Metsola para debater a oficialidade de galego, éuscaro e catalán.

No mesmo día en que se coñecía o informe do Comité de Expertos do Consello de Europa que recriminaba ao Estado español os seus "incumprimentos" a respecto de galego, vasco e catalán; O ministro de Asuntos Exteriores do Goberno español, José Manuel Albares, remitiu unha nova carta á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, pedindo que se axilice o uso do galego, catalán, e eúscaro na Eurocámara.

"Dada a relevancia de seguir achegando ás institucións aos cidadáns e de fomentar a súa participación, o uso das linguas de parte importante da cidadanía europea e española no Parlamento Europeo resulta de gran importancia".

"Más de 20 millóns de persoas viven en territorios españois onde se recoñece a oficialidade do catalán, eúscaro e galego. Estas linguas reúnen, ademais, unha serie de características únicas por ser linguas orixinarias dun Estado membro; contar con recoñecemento constitucional; ser linguas de traballo nas dúas Cámaras do Parlamento nacional: Congreso e Senado [...]", sinala o comunicado de Albares. Albares tamén pediu a través da misiva unha reunión persoal con Metsola para que o Parlamento debata a oficialidade das tres linguas.

"Gustaríame poder abordar persoalmente a posibilidade de someter á Mesa do Parlamento a decisión para concluír o mencionado acordo administrativo entre España e o Parlamento Europeo, que permita o seu uso na súa sede do catalán, eúscaro e galego", conclúe a carta.

O Estado españo lconta, ademais, desde hai anos con acordos administrativos sobre o seu uso noutras institucións da UE. En anteriores ocasións, o Goberno ofreceuse a asumir o custo da tradución e interpretación.

A decisión, en todo caso, dependerá da Mesa do Parlamento Europeo.