O Goberno español en funcións aprobou nestes 2 meses 39 novas imposicións do uso do castelán

Plataforma per la Llengua sinala que as 8 normas legais aprobadas abranguen desde o uso obrigatorio do español en licenzas deportivas até etiquetaxe de produtos.

Decisións do goberno español en funcións como a prórroga a Ence ou eximir de trámites ambientais a Reganosa provocaronresposta social e política, respostas que foron quen de entrar na axenda mediática e institucional. Mais na bagaxe do goberno en funcións que preside Mariano Rajoy hai outras medidas adoptadas e cuxas consecuencias tamén se van notar en Galiza, en concreto no que respecta ao idioma. A Plataforma per la Llengua informa que en apenas dous meses (abril e maio) o executivo en funcións aprobou 8 normas legais que regulan 39 puntos “impositivos do castelán”.

“Imposicións que se refiren ao uso obrigatorio de español en licenzas deportivas, etiquetaxe e instrucións de produtos, rotulación, documentación, declaracións de conformidade...”, informan desde a plataforma. Chove sobre mollado, lembran desde este colectivo, que recentemente denunciaba que o goberno en funcións aprobara só en marzo 15 imposicións lingüísticas' do castelán na empresa e aos consumidores a través de dous real decretos.

Desde colectivos de defensa do galego, como A Mesa pola Normalización, tense reiterado que o castelán posúe por volta de medio milleiro de normas e disposicións que o defendan. Mentres, as poucas que hai neste sentido a respeito do galego, como denuncia A Mesa, non se cumplen nin respetan.