O Goberno pediulle colaboración a Gloria Lago para rebater a defensa do galego na ONU

Gloria Lago

A presidenta de Galicia Bilingüe desvela que o Secretario de Estado de Exteriores solicitoulle información para negar a vulneración dos dereitos lingüísticos d@s galegofalantes que denunciou a Mesa pola Normalización en Xenebra.  

 

O Goberno central pide colaboración a unha organización galegófoba, que recibe apoio de grupos de estrema dereita como a Falange e que está en contra de aspectos da legalidade vixente, por exemplo da Lei de Normalización Lingüística. Ese é o rápido resumo que se pode extraer do feito de que un alto cargo de Madrid pedise información a Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, para utilizala na ONU en contra da delegación que alí enviou esta semana a Mesa pola Normalización Lingüística. 

A líder do grupo galegófobo negouse a colaborar co Goberno central porque "pode facelo alguén da Xunta, onde hai moito ocioso"

Segundo desvela no seu blog a propia líder da pequena agrupación contraria á normalización do galego, o secretario de Estado de Exteriores -en referencia a Ignacio Ybáñez, malia que non o nomea- púxose en contacto con ela para pedirlle axuda -cunha especie de informe- para responder ás denuncias de vulneración de dereitos d@s galegofalantes que trasladou á ONU Marcos Maceira, presidente da Mesa. “O secretario de Estado que representou a España propúxome que enviaramos a Exteriores información para rebater o que enviou esta xente. Faríao, máis que nada para que non quede esa cacola aí sen ser respondida. O secretario de Estado foi moi amábel pero temos moito traballo e na Xunta hai mucho ocioso, poden facelo eles”, relata sobre a súa contestación, en castelán no orixinal, Gloria Lago na súa bitácora na rede. 

Insultos

Como se pode apreciar, o texto da líder de Galicia Bilingüe está cheo de referencias despectivas, algo que define moi ben tipo de personaxe que o Goberno central manexa como referente da política respecto ao galego, posto que recorreu a ela como informante, malia ser unha persoa que chama “talibaniños” á Mesa, así como “talibanets” aos defensores do catalán ou “talibanarras” aos do éuscaro. Exteriores confía en xentes con este sentido da diplomacia. 

A Mesa estivo en Xenebra para presentar as denuncias de discriminación ao galego recollidas durante os anos 2012 e 2013. Entre eles, retrasos en operacións por solicitar a autorización en lingua galega, denegacións de bolsas pre-doutorais por presentar o título universitario en galego ou ameazas en oposicións por utilizar o idioma propio, así como describir os "retrocesos" a respecto da oficialidade do galego que se están a vivir nos últimos anos.