Como dicilo?

Mangas verdes

Des que a burra vai no po: "Xo, burra, xo!"

¡A buenas horas mangas verdes!  di unha expresión castelán para significar que unha persoa ou cousa que se esperaba para solucionar un problema chega tarde de máis e non serve de nada xa.

 

A locución non existe en galego, por moito que algúns a empreguen como unha simple tradución do español  (A boas horas mangas verdes!). 

 

Hai, en troca, na nosa lingua distintas locucións e refráns que conteñen esa idea de que "agora xa é demasiado tarde". Citamos noutro artigo o "Tarde piache!" e podería tamén utilizarse en certos casos "Agora xa foi! ….Marica, non chores!", mais o que convén case exactamente e na xeneralidade das ocasións é :

 

Des que a burra vai no po: "Xo, burra, xo!"

 

De nada serve mandarlle que pare cando xa está caída no chan.

 

E xa que estamos no po, na poeira, imos falar dun verbo creado a partir desa palabra : desempoar ou desempoeirar.

 

Cómpre dicir que os dous substantivos atópanse a nivel popular practicamente substituídos polo castelanismo polvo/polvareda, e que os verbos sinónimos desempoar/desempoeirar, compartillados co portugués, son lexítimas recuperacións na normalización lingüística. Con todo, hai por veces un emprego algo abusivo de desempoar como tradución do español desempolvar co significado de ‘recuperar algo do esquecemento ou da falta de utilización ou de actividade’. Velaí un exemplo real:

 

Desempoaron as pancartas que gardaban dende a última manifestación de xaneiro, afinaron as gaitas e os tambores, despregaron as bandeiras e ...

 

Resulta evidente  que ese uso figurado dun verbo que inicialmente significa ‘tirarlle o pó a algo’ é lexítimo, correcto, logo, mais sinalamos que o portugués utiliza preferentemente outras construcións para expresalo : exumar, recuperar, restaurar, trazer para a luz do día, trazer de volta, etc.  E poderiamos aínda suxerir, en bo galego non dependente do castelán, outras posibilidades como tirar do esquecemento, do recuncho, do caixón, do faiado, do pasado, etc.

 

E ánimo, que abonda con desempoeirar un pouquiño moitas riquezas que temos no faiado da lingua!