Mellor só que con mala compaña
Atorrante.- Persoa atolada que fai moitas trasnadas, sen ter en conta as súas consecuencias. Exemplo: “Non me estraña que rematase mal, sempre che foi un atorrante”.
Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).
Fonte.- Mario Ferreira López.
Azougue (ter o).- (Aínda que hai dicionarios que recollen a palabra azougue para referirse a unha persoa -preferentemente en idade infantil- inqueda, parece procedente apuntar esta expresión para o mesmo significado) Inquedo/a, fedello.
Lugar de escoita.- Lugo.
Fonte.- María Celina Cruz Rodríguez.
Belbo/a .- (Ademais doutros significados) Referido a unha persoa: volúbel, que cambia de opinión facilmente. Tamén se usa cando alguén fai cousas sen xeito, ás presas ou pouco asisadamente.
Lugar de escoita.- A zona de Amoeiro (Ourense).
Fonte.- Carlos Manuel Gómez Bóveda.
Bóutaro.- (Ademais doutros significados) Túzaro, persoa bruta, pouco educada.
Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.
Fonte.- Mario Ferreira López.
Broas.- Aplícase como apelativo á persoa sen amañar, descoidada.
Lugar de escoita.- As Mariñas, Teixeiro, A Coruña.
Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro.
Calfurras.- Persoa que non serve para nada.
Lugar de escoita.- Catoira.
Fonte.- Victorina Sumay Conde/ TACOC X. Ribadumia.
Callobre.- Dise da persoa detestable, que se comporta mal cos demais.
Exemplo: “Fulano é un bo callobre”.
Lugar de escoita.- Riba de Mar (Outes).
Fonte.- Tina Formoso.
Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.
Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@