A Mesa denunciará ao Consello de Europa a marxinación do galego polo goberno de Rajoy

Queremos galego

A Mesa prepara a denuncia diante do Consello de Europa pola “vulneración” do Goberno español da Carta Europea das Linguas. O presidente da Mesa entrevistarase co Valedor do Pobo o próximo día 9 de decembro para lle solicitar que interveña no caso das discriminacións contra o galego. 

A Mesa pola Normalización Lingüística suma coa entrevista co Valedor e a próxima denuncia diante do Consello de Europa dúas novas iniciativas na liña de “facer todo canto está ao seu alcance” para evitar a discriminación que sufriron as persoas que viron como as súas solicitudes de bolsas foron rexeitadas por teren presentado documentos en galego. 

 “A actuación do Goberno español supón unha vulneración moi importante da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias”, sinala Carlos Callón, para explicar a presentación da denuncia diante do Consello de Europa, acción que non interfire coas posíbeis que se enceten nos tribunais de xustiza esixindo que se cumpra a lexislación. 

Carlos Callón valorou que, en vésperas do aniversario da Constitución, esta actuación do Goberno español semella como se “Mariano Rajoy quixese festexar a Constitución do 78 negando de facto a oficialidade do galego e, ademais, recoñecendo tamén de facto a oficialidade do inglés”. Refírese o presidente da Mesa a que na convocatoria foron aceptados os formularios en inglés mais non en galego nin catalán nin vasco.