A Mesa lembra aos novos conselleiros as súas obrigas para co galego

“Cando xuran ou prometen o cargo comprométense a potenciar o emprego do galego en todos os planos, tal e como di o actual estatuto”, afirma Marcos Maceira, presidente da MNL.

A Mesa pola Normalización Lingüística lembroulle aos novos conselleiros, nunha chamada que estendeu a todos os membros do goberno, a obriga de potenciaren a lingua galega en cumprimento da promesa feita en relación ao estatuto de Galiza que no seu artigo 5.3 di que garantirán e “potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa”.

A entidade en defensa do galego advirte que ademais do Estatuto e da Lei de Normalización Lingüística, existe un Plan con 445 medidas concretas para que o goberno actúe a favor do galego, aprobado por unanimidade parlamentar hai 11 anos e ratificado na Declaración de Unidade a prol da Normalización asinada por todos os partidos de Galiza o pasado 15 de xullo. “O que cómpre agora é activalas e aplicalas, deixar de desprezalas”, sinalou o seu presidente, Marcos Maceira.

“Unha lingua normalizada é a que se pode utilizar en todo e para todo, e o goberno galego é o primeiro que ten que mostrar que iso é posíbel para o galego facéndoa visíbel e audíbel en todas as súas actuacións”, sinalou Maceira. A Mesa remitiralle ás novas e novos conselleiros o PXNLG xunto co informe sobre o seu cumprimento para que comecen a actuar de inmediato.