A Mesa, “moi satisfeita” coa actitude e receptividade do novo alcalde da Coruña para co galego

Celia Armas e Xulio Ferreiro

Unha representación da MNL mantivo unha xuntanza con Xulio Ferreiro, ao que parabenizaron por facer depender as competencias na área de lingua da Alcaldía.

“Cordialidade” e “sintonía”, con esas palabras define A Mesa pola Normalización Lingüística a xuntanza mantida co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, para avaliar a situación do galego no concello e propostas e posíbeis medidas e actuacións a desenvolver no eido da normalización.

Celia Armas, responsábel da Mesa na Coruña, e Paulo Filgueiras, da comisión permanente da entidade en defensa do idioma,parabenizaron o rexedor herculino pola decisión de facer depender as competencias na área de lingua directamente da alcaldía, “coincidindo na necesaria transversalidade que o fomento do galego debe ter en toda a acción de goberno”. A MNL afirma que o alcalde comprometeuse a reestablecer o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, así como a dotalo dos recursos materiais e humanos precisos.

Desde a Mesa achegáronse unha serie de propostas: a necesidade de garantir a oferta positiva en galego en todas as actividades desenvolvidas polo concello ; garantir que as empresas concesionarias do concello respecten a oficialidade do galego e impulsen o seu uso, tal como recolle a lexislación vixente; respectar e restaurar as formas lexítimas da toponimia e microtoponimia do concello, correxindo as deturpación reflectidas no rueiro ou nos propios buses urbanos, etc.

Así mesmo, proseguen desde A Mesa tamén houbo coincidencia con Xulio Ferreiro na necesidade “de corrixir a exclusión do galego das escolas infantís da cidade e na urxencia de garantir opcións de escolarización en galego, cando menos naquelas que sexan municipais, para todas as nais e pais que o requiran e que na actualidade non contan con esa posibilidade”.

“Ficamos moi satisfeitas”

“Ficamos moi satisfeitas pola sintonía e receptividade coas propostas da Mesa amosadas polo alcalde e confiamos en que se abra unha nova etapa para a lingua nesta cidade galegofalante”, manifestou Celia Armas.

A reunión con Xulio Ferreiro produciuse no marco da rolda de contactos cos alcaldes das principais cidades galegas que A Mesa comezou esta semana visitando Ferrol e Pontevedra.