A Mesa rexeita o anteproxecto de Lei de medios

Instalacións da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela. (Foto: CRTVG)

Súmase ás propostas e consideracións emitidas tanto por entidades sociais como polas traballadoras e traballadores da propia CRTVG.

A Mesa pola Normalización Lingüística rexeitou esta quinta feira o anteproxecto de Lei de medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital, un controvertido texto que recibiu numerosas críticas desde que o aprobou o Goberno galego no derradeiro Consello da Xunta do pasado mes de xullo.

Tamén insiste nas alegacións enviadas á Xunta da Galiza advertindo que calquera cambio lexislativo "debe garantir o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e debe dar perspectiva de país nos contidos informativos, educativos e de entretemento".

A Mesa súmase así ás propostas e consideracións emitidas tanto por entidades sociais como polas traballadoras e traballadores da propia CRTVG. Faino, sostén, "para garantir estes aspectos nunhas radio e televisións públicas galegas exclusivamente ao servizo do pobo galego". "Isto inclúe necesariamente o protagonismo no proceso de normalización social, recuperación e rehabilitación da lingua galega", subliña.

E "moito máis", indica o presidente da entidade, Marcos Maceira, "nun contexto como o actual no que a oferta en galego no audiovisual é mínima", con unicamente "0,92% nos servizos a petición e 14% nos servizos lineais —correspondentes ás emisións da TVG—, mentres no caso da programación infantil e xuvenil en galego as porcentaxes son de 1,1% no primeiro caso e 2,44% no segundo".

A Mesa critica que o anteproxecto non incida en aspectos "que si estaban na lei de creación da CRTVG, como o seu papel normalizador; que pase por alto as medidas contempladas no Plan xeral de Normalización do galego aprobado por unanimidade parlamentaria hai 20 anos ou que descarte desenvolver e adaptar a favor da lingua e cultura da Galiza a Lei xeral de comunicación audiovisual do Estado".