Os 'Mil primaveras máis' entregan os premios a catro iniciativas que apostan por pór en valor a lingua entre a mocidade

Foto de familia das premiadas (Foto: CTNL)
O Pazo da Cultura acolleu a entrega de galardóns. Na edición deste ano concedéronse catro premios. Foron recoñecidos os seguintes: Aquí tamén se fala (IES Rafael Dieste, A Coruña), CeibaRimas (Merenda Creativa), Elos. Engánchate ao galego! (Concello de Santiago de Compostela) e Recuncho Gamer (Recuncho Gamer).

A Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL) impulsou en 2019 os Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego coa finalidade de cubrir un oco nos premios de normalización da lingua.

Onte o Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a entrega dos galardóns da V edición destes premios nunha gala conducida por Rilo & Penadique. A presidenta da CTNL, Mónica Fernández, agradeceu a “xenerosidade” dos 37 proxectos presentados a esta edición.

Na edición deste ano concedéronse catro premios, sen xerarquías, entre proxectos que tiveron vixencia en 2020, 2021, 2022 ou 2023. Foron recoñecidos os seguintes: Aquí tamén se fala (IES Rafael Dieste, A Coruña), CeibaRimas (Merenda Creativa), Elos. Engánchate ao galego! (Concello de Santiago de Compostela) e Recuncho Gamer (Recuncho Gamer).

Aquí tamén se fala

Aquí tamén se fala é un proxecto nacido en 2023 no IES Rafael Dieste da Coruña, que activa a implicación do alumnado para concienciar o conxunto da sociedade sobre o uso da lingua. Un proxecto sinxelo, ben planificado e cun excelente uso das redes sociais, que no curso actual xa se espallou por 200 centros por todo o país, demostrando que é un modelo perfectamente replicable.

CeibaRimas

CeibaRimas é un proxecto da produtora audiovisual Merenda Creativa que busca dinamizar o uso do idioma nas artes entre a mocidade. Con este obxectivo introdúcese no ambiente da xente máis nova a través dos espazos de improvisación oral, o coñecido como freestyle ou rap improvisado. Alén disto, procura asociar esta disciplina artística a valores positivos, coma a igualdade, a tolerancia e a integración, priorizando a improvisación e creatividade por riba da confrontación.

Elos. Engánchate ao galego!

Elos. Engánchate ao galego! é un programa de voluntariado lingüístico impulsado polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela co obxectivo de reforzar con conversa informal a formación do alumnado que se achega ao galego desde outras linguas. Naceu da necesidade do propio alumnado, que tendo interese por perfeccionar e practicar as estratexias orais, non encontraba ámbitos de uso que llo facilitasen.

Recuncho Gamer

Recuncho Gamer é un proxecto audiovisual que procura divulgar de forma amena contido sobre videoxogos, entendéndoos como un produto cultural no cal converxen moitas artes. Faino a través de varios formatos audiovisuais como videoensaios, podcasts, entrevistas e emisións en directo en YouTube e Twitch. Con esta variedade de formatos e diversidade de enfoques procura chegar a persoas interesadas nos videoxogos e a público máis profano.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado