Milleiros de voces en Compostela a prol do galego

O Correlingua percorreu rúas e prazas da capital de Galiza para lembrar que o galego é “a chave para estar no mundo”

 

A edición 2013 do Correlingua desembarcou en Compostela despois de pasar xa por Ourense, Lugo, Pontevedra, Monforte, Silleda, Bueu, O Rosal, A Coruña e Ferrol. Milleciros de escolares de centros de ensino da comarca tomaron parte nesta actividade de defenda e apoio ao idioma do país.

O Correlingua contou coa participación, entre outros, do actor Pepe Penabade, que ao rematar a carreira foi o encargado de presentar, desde o palco da Alameda o acto final do Correlingua. Alí, dúas alumnas do CPI Ponte Carreira interpretaron un poema de Rosalía de Castro musicado por elas mesmas. Estudantes do Bacharelato de Artes do IES Antón Fraguas tamén interpretaron varias pezas adaptadas tamén por eles mesmos e foron os encargados de dar lectura o texto gañador do concurso de manifesto Correlingua 2013 -que nesta ocasión recaeu nos Golgorotos de 4º da ESO do IES A Pinguela de Monforte-. En todas as citas faise entrega tamén do premio de animación da marcha, que nesta ocasión levou o IES Xelmírez II por unha serpe xigante na que se podía ler o lema deste ano: Galego, chave do mundo.

A máis

O Correlingua vense realizando regularmente desde o 2000 aínda que é unha vella iniciativa promovida na súa orixe por entidades culturais. Na actualidade está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística, os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.